Os produtos de limpeza non son esenciais para o DOG

Comerciantes de empresas de limpeza e desinfección denuncian trato diferente entre o BOE e o DOG para os seus produtos que se consideran esenciais.
Daniel Rocha, propietario dunha tenda de produtos de limpeza (Anna Naglaya)
photo_camera Daniel Rocha, propietario dunha tenda de produtos de limpeza (Foto: Anna Naglaya)

As novas restricións publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG) o pasado 26 de xaneiro pola Xunta estabeleceron o fechamento de todo comercio ás 18 horas coa excepción dos que vendan, basicamente, comida, bebida, tabaco, ámbito médico, combustíbel e alimentación de mascotas.

As empresas que distribúen produtos de limpeza, hixiene e desinfección, que estaban incluídos nos diferentes Boletíns Oficiais do Estado (BOE) do estado de alarma estatal e a pesar de estabelecer a obriga de limpar e desinfectar, quedan fóra na norma galega.

Sen poder adaptar horarios

Daniel Rocha, propietario dunha tenda de produtos de limpeza de alta biodegradabilidade a granel na Coruña explica a Nós Diario que  non figuran como "comercios esenciais" e saen prexudicados.

O seu comercio está asociado na Galiza a once máis baixo o nome de 4Eco, todo co mesmo problema.

"Dáse a circunstancia de que o DOG cita as palabras limpeza, hixiene e desinfección até 25 veces, mais non considera esenciais os distribuidores", denuncia.

"Córtannos as horas de maior afluencia e a xente ten que ir mercar ás grandes superficies", asegura.

Rocha tentou falar coa Xunta en varias ocasións para pedir poder mudar os horarios mais sen resultado.

Comentarios