A CIG, UXT e CCOO denuncian precariedade nas empresas de limpeza

Os sindicatos pensan convocar unha folga no sector a finais deste mes de xaneiro.
Os Reis Magos trouxeron carbón á empresa Eulen (FCS-CCOO Santiago)
photo_camera Os Reis Magos trouxeron carbón á empresa Eulen (Foto: FCS-CCOO Santiago)

As centrais sindicais CIG, UXT e CCOO organizaron esta terza feira unha concentración diante da sede que a empresa Eulen ten no polígono da Grela (A Coruña). Na mobilización, tres Reis Magos entregaron un paquete de carbón como símbolo de protesta polas condicións en que desenvolven o seu traballo o persoal.

"As empresas de limpeza foron beneficiadas pola situación da Covid-19, non poden dicir que é un sector en crise", asegurou o secretario xeral da Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo de UXT, Juan Manuel Carreira. 

Durante toda a pandemia o persoal de limpeza realizou o seu labor e mesmo tivo un "aumento de traballo" pola necesidade de "desinfectar ademais de limpar", explica o sindicalista.

É por iso que as centrais consideran unha "humillación" que non exista unha suba salarial e que a proposta para 2021 sexa de 0,8%. As asembleas de empregadas e empregados da Coruña, Ferrol e Compostela acordaron comezar onte as mobilizacións, segundo explican os sindicatos, que prevén que a finais de mes se convoque unha folga "para os centros de traballo nos que se presta servizo de limpeza e desinfección". 

Rexeitan a ampliación de xornada da empresa

Os tres sindicatos rexeitan, ademais, un cambio que propón a patronal e que afecta ao dereito de ampliación de xornada ás traballadoras e aos traballadores que teñan contrato a tempo parcial.

"É un sector moi precario e é imposíbel promocionar a non ser polo aumento de xornada", explica Carreira, que considera que as empresas buscan "contratar a quen queira".

Segundo as centrais, a proposta de convenio é "unha burla e unha vulneración do principio de boa fe negociadora" cando “o compromiso da empresa era unha suba salarial para 2020”. 

Comentarios