O sector da limpeza irá á folga na Coruña para demandar melloras salariais

As centrais sindicais da CIG, UXT e CCOO na Coruña consideran que a patronal só pretende empeorar os dereitos das e dos traballadores a pesar de incrementar a súa cifra de negocio polo incremento de traballo que supuxo a pandemia. O primeiro paro será o 24 de abril se antes non se retoman as negociacións en boa sintonía.
Representantes do sector da limpeza na rolda de prensa de hoxe. (Foto: CIG)
photo_camera Representantes do sector da limpeza na rolda de prensa de hoxe. (Foto: CIG)

As centrais sindicais da CIG, UXT e CCOO anunciaron esta quinta feira tres xornadas de folga no sector da limpeza que terán como obxectivos fundamentais conseguir a redacción e sinatura dun convenio que implique melloras laborais e salariais para as e os traballadores.

Os paros chegan “ante o bloqueo da negociación” do documento marco “por parte da patronal, con Eulen e Clece á fronte)” porque, segundo indican desde a CIG, hai unha forte negativa a responsabilizarse de fornecer melloras.

Pola contra pretende recortar dereitos e conxelar salarios”, denuncian desde o sindicato. Por tanto, e até novo aviso por unha posíbel volta ao debate, as e os limpadores pararán 24 horas o 24 de abril. Así mesmo, está previsto que se chegue a un paro de 48 horas entre o 11 e o 12 de maio.

Desde o sindicato galego, o representante na negociación, Paulo Rubido, explicou que se precisa acometer unha mudanza nas condicións porque “o persoal leva moitos anos sen percibir un incremento salarial relevante”.

Entende, polo tanto, que a meta da patronal é “manter a precariedade deste colectivo laboral esencial na pandemia, altamente feminizado e que na meirande parte dos casos ten contratos a tempo parcial”.

De feito, se agora se cobra un pouco máis é porque a necesidade de desinfectar todas as edificacións levou a un incremento das horas de traballo.

"Neste último ano, subliñou, a limpeza incrementou facturación dunha forma destacada e tivo maior carga traballo, por iso non vale que a patronal pretenda escudarse na crise sanitaria para non só non dar nada, senón incluso querer recortar dereitos", avisou Rubido.

Na rolda de prensa desta mañá mesmo falou de que as compañías queren suprimir dereitos xa firmes como a posibilidade de solicitar que se aumente a xornada laboral cando existan vacantes con esas condicións. Segundo as súas palabras, tampouco quererían seguir coa opción da xubilación parcial.

Comentarios