Competencia multa a industria láctea por máis dunha década pactando prezos

A comisión impón unha multa de 88 millóns de euros a 9 empresas por unha práctica "continuada" entre os anos 2000 e 2013.

Cadea de envasado do leite
photo_camera Cadea de envasado do leite

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) sancionou 9 empresas lácteas por desenvolveren durante máis dunha década "intercambios de información sensíbel sobre clientes, condicións de compra" e "prezos" do leite en orixe. Con estas prácticas as entidades adoptaban acordos para fixaren "condicións comerciais comúns" que supuxeron graves perdas económicas para as explotacións gandeiras galegas onde se concentra o 40% da produción estatal. 

Coa súa resolución a comisión puxo en evidencia un comportamento oligopolítico que coida "anticompetitivo" e que se tería prolongado "cando menos" --matixa a CNMC-- entre os anos 2000 e 2013. 

Leite Río, Lactalis e Peñasanta

A multa atinxe as principais empresas e asociacións lácteas galegas e/ou que operan en Galiza como Lactalis --cunha forte presenza na provincia de Lugo-- quen terá que pagar 11,6 millóns de euros; Pascual (8,5 millóns); Puleva (10,2 millóns); a Asociación de empresas lácteas de Galiza (100 mil euros) e Central Leiteira de Galiza con 53.310 euros. Aliás, a sanción obriga a Leite Río, Danone, Nestlé, Senoble (provedora de Mercadona), Grupo Central Lechera Asturiana, Danone, Peñasanta ou o Gremio de Industrias Lácteas de Catalunya, Feiraco, entre outras. 

Teñen que pagar 88 millóns de euros por desenvolver prácticas que facían carecer de "liberdade para fixaro o prezo" do leite ás explotacións gandeiras

En total a multa ascende a 88 millóns de euros por distorsionaren o mercado lácteo através de prácticas ilegais. E é que, sinala a comisión, "as empresas transformadoras diaglogaron e partillaron información sobre os prezos de compra que ofrecian aos seus gandeiros, os que ían ofrecer nun futuro, a identidade dos gandeiros e os volumes adquiridos". Aliás, sinalábanse unhas as outras as "identidades dos gandeiros que tiñan intención de mudar de transformador e posíbeis medidas para o evitaren". 

En consecuencia, continúa a comisión no seu informe, "os gandeiros carecían de liberdade para fixar o prezo do seu produto e a empresa á que suministraban" o leite. Ao mesmo tempo, evidencia a enorme capacidade de negociación que posúe a industria de transformación nun mercado no que o 60% das recollidas de leite están controladas por unha ducia de empresas. 

No ano 2012 a mesma Comisión Nacional de Mercados e Competencia xa emitira unha sentenza semellante na que condenaba a pagar 98 millóns de euros ás transformadoras por repartirse "as licitacións públicas" entre 1993 e 2013. 

Comentarios