Os gandeiros descartan un acordo 'a calquer prezo' mais valoran xestos "na boa dirección"

“Non estamos nesta loita por 2 céntimos”, apontan, se ben consideran positivo o xesto dalgunha industria e distribución de pagar máis. Fruga lembra que calquera acordo debe ser consultado e validado polos produtores.

Tractores (Foto: Nós Diario).

Catro días de greve de entregas e bloqueo e paralización da industria láctea. A sumar ás xornadas de concentracións e tractoradas en Compostela e Lugo e ás mobilizacións de xullo e agosto. O sector gandeiro tomouse a serio esta loita por un prezo xusto e quer que a solución que se dea á crise que sofre non sexa un simple parche.

Nas últimas horas distribuidoras como Vegalsa e Mercadona anunciaron subas de 2 céntimos no litro de leite, un incremento que industrias como Celega, Entrepinares, Central Lechera Asturiana ou Celta tamén din que van aplicar; ademais, estas dúas últimas empresas comprometéronse tamén a paralizar os contratos á baixa que estaban facendo.

En paralelo estanse a intensificar os contactos entre Ministerio e algunhas organizacións sindicais de cara a atinxir un acordo. Román Santalla, de UPA, indicou que o departamento español ten sobre a mesa unha proposta que ten como chaves garantir prezos dignos para o leite e que se faga público o prezo ao que a industria vende o leite á distribución, para saber así con que porcentaxe do prezo do leite fica cada quen.

Consultar o sector

O sindicato Fruga (Federación Rural Galega) emitiu un comunicado no que pide que calquera acordo que se acade debe ser consultado cos gandeiros antes de se asinar. Son os produtores que están a protagonizar as mobilizacións e a sofrer directamente a crise os que teñen que validar ou non un acordo. A organización tamén pide que, de se aprobar, se constitúa unha Comisión de Seguimento en Galiza integrada por gandeiros, industria, distribución e goberno galego e que este, o executivo, debe garantir o cumprimento do acordo.

Por último, esta organización agraria chama a se manter alerta e en caso de que o acordo fique en papel mollado ponse a disposición dos produtores para retomar as mobilizacións.

Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) reiteraron o apoio aos gandeiros que manteñen o bloqueo de industrias e distribuidoras. O SLG considera que unha solución urxente para a crise debería pasar por 2 cuestións: “Que na cadea de valor se garanta con leis e normativas unha marxe suficiente para que as granxas cubran os custes de produción e uns salarios dignos para quen traballe nelas” e a “anulación dos contratos-lixo vixentes nos que se impuxesen prezos por baixo deses custes”. Cualifica de “xesto positivo” os anuncios de industria e distribución de subir prezos mais lembra que as mobilizacións procuran prezos xustos.

Gandeiros que están a tomar parte nas mobilizacións dese o seu inicio, como Ramón e José Antonio (Mesía), lembran que esta loita “non é por 2 céntimos máis senón por un prezo xusto”. José Antonio di que a el (45 vacas en muxidura) páganlle o leite a 24 céntimos e os custos de produción son de 34 céntimos. “De que nos serve que nolo paguen a 26? seguimos a perder moito cada litro e así non se pode manter a granxa”.

Imaxe: Vía Revista Afriga. Bloqueo da pranta de Leite Río en Arteixo

Comentarios