Denuncian prezos baixos do leite en Lactalis e Reny Picot

O Sindicato Labrego galego asegura que estas industrias tentan negociar na Galiza unhas cantidades moi inferiores ás que teñen en Francia.
Produción leiteira
photo_camera Vacas de produción leiteira. (Foto: Nós Diario)

A renovación dos contratos entre a industria láctea e as explotacións gandeiras galegas continúa a xerar polémica. O Sindicato Labrego Galego (SLG)  denuncia que empresas como Lactalis ou Reny Picot están obrigando a asinar para a seguinte campaña á baixa.

No caso da multinacional gala, explican nun comunicado, "resulta un agravio comparativo insultante, xa que mentres en Francia Lactalis pactou subas de prezo coas granxas que a fornecen, pagando un valor medio en 2020 de 36,9 céntimos, aquí, na Galiza, segue forzando prezos que non chegan aos 33 céntimos".

Desde o SLG cren que é "un feito de extrema gravidade tendo en conta que esta industria francesa é a principal compradora de leite na Galiza, recollendo máis de 500 millóns de litros de leite por ano a unhas 1.500 explotacións da nosa terra".

No caso de Reny Picot explican que "a depreciación está a ser de medio céntimo, que se pode incrementar dependendo do punto crioscópico do leite, co cal se estarían a penalizar as granxas que teñen as vacas en réxime de pastoreo e, polo tanto, as máis sostíbeis e respectuosas coa contorna".

Críticas á Consellaría de Medio Rural

Esta baixada prodúcese nun difícil contexto para as granxas galegas co aumento do prezo dos cereais e, polo tanto, da alimentación animal.

"Neste senso, resulta indignante que, esta mesma semana, a multinacional distribuidora Lidl veña de anunciar un acordo con Lactalis para subir o prezo do leite, de maneira que o incremento repercuta positivamente nas explotacións francesas", aseguran desde o SLG.,

Ademais critican que "á Consellaría de Medio Rural xa non se lle agarda nesta problemática" por ter "desmantelado a mesa do leite na que os axentes do sector podiamos debater e negociar para tentar chegar a acordos sobre os prezos". 

Comentarios