A exportación galega cae 2,9% en 2019 a causa dos sectores de automoción e o téxtil

As cifras que deu a coñecer o Instituto Galego de Estatística (IGE) estes días confirman unha situación delicada para a economía galega. Sectores como a automoción e o téxtil demostraron certa debilidade e dependencia nun mercado internacional moi volátil como o actual.   
Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).
Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).

Galiza cae en exportacións de bens en 2019. Segundo datos publicados esta pasada quinta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o noso país exportou por valor de 22.196 millóns de euros o pasado ano, o que supón unha caída de 2,9% respecto ao ano anterior, 2018.

Extraído desta mesma estatística, a situación galega é diferente a outros territorios que si incrementan as exportacións, como é o caso de Catalunya e Aragón que están no podio da listaxe. Galiza estaría de última a carón de Castela e León e Andalucía. Este descenso contrasta co incremento de 1,8% nas exportacións no conxunto do Estado español, que lograron un novo récord, con 290.089 millóns de euros en vendas. O peso da Galiza nas exportacións do Estado descende dúas décimas e pasa a supoñer 7,7% do total, unha das peores evolucións entre os diferentes territorios.

Malos datos para o téxtil e a automoción

Por sectores, as exportacións de combustíbeis na Galiza son as que lideran a diminución en 2019 (-1,4%), seguidas de vehículos (-1%), prendas de vestir (-0,6%) e aparellos eléctricos (-0,6%). No outro extremo, houbo un aumento nas vendas de embarcacións (+0,6%). 

En relación ao destino das exportacións Galiza continúa a ter unha excesiva dependencia de Europa. Neste sentido os datos do IGE sinalan que o noso continente é o destino de 75,2% do mercado exterior, con Francia e Portugal como principais países destinatarios. O proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea tamén afectou ás exportacións galegas a ese país. O factor Brexit deixouse notar cun retroceso nas vendas de 6,6% en 2019. No lado contrario os maiores aumentos porcentuais na exportación estarían en países como Malta (+113,5%), Luxemburgo (+61,5%), Indonesia (+39,6%) e a China (+27,5%).

As importacións galegas aumentaron en 2019

Se as exportacións baixaron en 2019 non foi o caso das importación que tiveron a tendencia contraria e subiron na Galiza un 4,2% en comparación con 2018 chegando a un importe de 19.814 millóns de euros. 

Este aumento é catro veces maior que o do Estado español (+1%). O sector do automóbil é o que conta cun maior avance (+1%).

En relación ás cifras mensuais, as exportacións no mes de decembro na Galiza tiveron un aumento de 18,4% (liderado polas vendas do sector do automóbil), que serviu para paliar a redución do ano. As importacións elévanse 8,1% de forma intermensual.

Buscar novos mercados

Algúns sectores, como o do metal, levan tempo tratando de buscar novos mercados para evitar a dependencia actual en determinados países. Nunha recente xornada en Vigo, Iria Santamaría, do Departamento de Comercio Exterior da Asociación de Industriais Metalúrxicos da Galiza (Asime), expuxo que a metalurxia, a automoción, e a pesca son os sectores máis afectados. Outro tanto pode acontecer, nas cifras deste ano, coa situación na China polo coronavirus. E a solución diante desta circunstancia está na busca de novos mercados.

Comentarios