O Estado e as eléctricas falan xa dunha 'burbulla' nos proxectos de renovábeis

Desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica apostan en aproveitar a capacidade de evacuación das instalacións de xeración.
A vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera (Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera (Europa Press).

A Transición Ecolóxica volveu espertar entre empresas e investidores o interese polas renovábeis. Nos últimos anos, o Goberno español celebrou dúas poxas, entre 2015 e 2017, ás que concorreron empresas como Naturgy, Endesa, Ence ou Greenalia, todas elas con intereses na Galiza. O obxectivo das mesmas era incrementar a presenza de fontes de xeración limpa no sistema eléctrico. Así, as renovábeis volveron cobrar forza pese ao coñecido como ‘Imposto ao Sol’ aprobado polo PP, que penalizaba a xeración con este tipo de fontes e que supuxo un freo o seu desenvolvemento. 

Pero a súa derrogación, coa chegada do PSOE ao Goberno español, trouxo consigo o efecto contrario: un "aluvión de solicitudes", como recoñeceu a pasada cuarta feira no Congreso a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, "que non permiten ter unha visión de conxunto realista sobre como poden evolucionar os investimentos ou as realidades dos proxectos que se supón que están detrás".

O conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, apunta directamente ás poxas de renovábeis como as responsábeis da "gran burbulla" de proxectos para instalacións de enerxía eólica e solar que, como apunta, multiplican por máis de tres o obxectivo de renovábeis para 2030 contemplado no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima.

Durante a súa intervención nunha xuntanza sobre o sector enerxético organizada polo instituto IESE e Deloitte, Bogas asegurou que o actual sistema levou a que o éxito "dalgunhas xentes" sexa obter os permisos dos proxectos "para especular con eles". Por iso avogou por non facer poxas, unha medida que favorecería, como el mismo recoñeceu, as grandes eléctricas. 

Aposta na hibridación

Pero desde o Goberno español non teñen intención de eliminar as poxas de renovábeis. Prefiren redeseñar o modelo para dar "máis certeza" e trasladar "o menor custo de produción ao prezo final da electricidade".

Outra das medidas que propón Teresa Ribera é a aposta na hibridación de centrais para aumentar a súa capacidade de xeración, xa que "non é posíbel pensar na duplicación da capacidade instalada". Precisamente, na súa intervención na comisión do ramo no Congreso, a ministra criticou que o elevado número de solicitudes para instalar potencia renovábel "está acaparando a capacidade de evacuación da rede".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios