Esta sexta feira legalízase o 'corralito' para 68.000 galeg@s

O FROB dará a coñecer esta sexta a quita a aplicar aos posuidores de preferentes e subordinadas. Madrid tenta calmar a treboada obrigando a toda a banca a achegar cartos para dar liquidez @s estafad@s que advirten: “Vai arder Troia”

Concentración Preferentes en Lugo
photo_camera Concentración Preferentes en Lugo

Esta sexta feira vai ser intensa para os milleiros de galegos e galegas afectadas polo calote das preferentes. Van coñecer canto lles quitan. Ou canto lles “rouban”, segundo prefiren dicir eles. Primeiro, o Consello de Ministros vai aprobar unha derrama extraordinaria dos bancos ao Fondo de Garantías. Para que? Para ter liquidez para os posuidores de preferentes de NCG e Catalunya Banc. Até agora, a parte dos seus aforros que non lle '”rouben” coa quita ía se lles dar en accións ou valores que non podían vender ou canxear por cartos.

Con esta derrama, si. Unha manobra do goberno para tentar calmar unha treboada que nestes días foi a máis día tras día, sobre todo no sur de Galiza, acendendo so sinais de alarma en Xunta, Goberno central e banca.

Quita de até o 55%

O segundo 'vía crucis' da xornada será á tardiña, cando o FROB diga canto vai ser a quita. Como informara La Voz, a porcentaxe de quita non vai ser igual en todas as entidades nin para todos os afectados. Dependerá dunha serie de factores, de se teñen subordinadas ou preferentes, data de emisión desas participacións...No que atinxe a NCG banco, a quita variaría entre un 10 e un 55%.

Montoro, o ministro de Economía, afirmara hai unhas semanas que a quita media para todas as entidades roldaría o 40 por cento.

“Roubo sobre roubo”

Entre as plataformas de estafad@s polo calote das preferentes a indignación é máis que patente. Esta semana as medidas de presión e mobilización foron constantes. “Non somos delincuentes nin nada do que algúns andan a insinuar. Somos xente á que lle rouban os aforros de toda unha vida”, indica desde Vigo José Estévez.

“Os bancos enganáronnos coas preferentes. E, por riba, para salvalos da crise da que eles son responsábeis, póñennos unha quita a nós, os estafados”, indica desde O Salnés David García. “E o poder político,no goberno de Madrid e no de Compostela non moven un dedo, logo son cómplices, non o esquezamos. E por iso lles imos protestar a eles, ao PP, porque son responsábeis de todo isto”.

Para Elena,da Barbanza, “os medios non debedes falar de quita, senón de roubo, que é o que é. E como nos leven os aforros.... aquí vai arder Troia, non se imaxinan como está a xente, o que se precisan eses cartiños no medio dunha época de crise”.

Sentencia favorábel

E no medio de tanta tensión, unha nova boa: Unha sentenza xudicial obriga a NCG a devolver a unha familia do Carballiño, matrimonio de emigrantes naturais desta vila ourensá, os case 73.000 euros que puxeran en preferentes e subordinadas. A sentenza declara a nulidade das operacións e obriga tamén á entidade financeira a pagar os gastos xudiciais e mesmo os gastos devengados desde a sinatura do primeiro documento de preferentes por este matrimonio, en 2004.

O xuíz considera que non houbo contrato porque para iso ambas as dúas partes tiñan que ter coñecemento do que estaban a contratar

Comentarios