xoves 16/09/21

Entra en vigor a nova normativa de ITV: varios defectos leves pasan a ser graves

Os fallos nos retrovisores, por exemplo, pasan de ser defectos leves a graves.

itv (europa press)
ITV (Foto: Europa Press)

A nova normativa da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) entra en vigor esta terza feira, 1 de xuño, con novidades que fan máis estrita a revisión dos automóbiles, cunha serie de defectos leves que pasan a ser graves e un incremento da sanción por circular cunha ITV negativa.

O Manual de Procedemento de ITV adapta os cambios regulamentarios a situacións novas como o Brexit - a homologación británica xa non é europea, os vehículos procedentes de Reino Unido que se queiran matricular no Estado español consideraranse modelos procedentes de terceiros países - e tamén ás novas tecnoloxías.

A nova lexislación eleva a gravidade de que non funcione o ABS nos casos que non é obrigatorio. A partir de agora, que o sistema  antibloqueo de freos falle pasa de ser un defecto leve a un grave. O mesmo ocorre se se desprenden os espellos retrovisores, considérase fallo grave.

Os defectos graves provocan o rexeitamento da ITV e inhabilitan o vehículo para circular polas vías públicas agás para o seu traslado ao taller.

A nova normativa mantén as multas económicas que pode carrexar o circular pola rúa cun coche sen a inspección técnica superada. Así, ter a ITV caducada carrexa unha sanción económica de 200 euros, tanto se o vehículo está a circular coma se está estacionado no garaxe ou na rúa.

Ademais, ser pillado coa ITV desfavorábel tamén supón unha multa de 200 euros. Neste suposto, o titular do vehículo está obrigado a reparar os defectos graves e volver á estación de ITV nun prazo máximo de dous meses e só pode mover o coche para levalo ao taller.

Circular cunha ITV negativa, é dicir, cando os danos son tan graves que non se permite abandonar a estación por medios propios, supón unha multa de 500 euros.

comentarios