O control da cadea alimentaria, fundamental para sindicatos e organizacións do agro e do mar

A elevada diferenza de prezo dos produtos do sector do agro e do mar desde que se entregan -procedentes das explotacións ou das lonxas- até que chegan aos fogares castiga ambos os extremos da cadea alimentaria. Organizacións agrarias e confrarías propoñen solucións que equilibren esta situación.
Os prezos finais en destino aumentan en todos os produtos, desde as verduras e hortalizas até a carne (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Os prezos finais en destino aumentan en todos os produtos, desde as verduras e hortalizas até a carne. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

A diferenza de prezo dos produtos do sector do agro e do mar desde a orixe até o destino, coa compra final, forma parte das reivindicacións de produtoras e produtores. As considerábeis marxes de beneficio de empresas intermediarias, sumado ao importe final que marcan os supermercados crean, segundo sindicatos e organizacións, uns danos que afectan por igual aos dous polos da cadea alimentaria. Para o coordinador da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, non é algo novo.

Lembra a Nós Diario “que se vén arrastrando permanentemente e está relacionado co capitalismo”, coa presenza de persoas ou compañías intermediarias. “Quen está no medio da cadea é quen leva o beneficio, sexa quen transforma o produto primario ou quen o pon á venda nos mercados”, constata, “polo que o prexuízo maior é para os dous extremos: quen produce e quen remata por consumir”, conclúe. 

Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, indica a Nós Diario que "non é normal que de media os prezos cheguen a ser 400% máis caros en destino". Considera "preocupante" o control que teñen as corporacións e, sectorialmente, "o avance das propias marcas da distribución" que rematan co sector mudando constantemente de zonas. "Uns días mercan nun lugar e logo noutro, para as persoas produtoras un prexuízo", asegura. 

En opinión do responsábel de agricultura e gandaría de UUAA, Xosé Ramón González, a situación resúmese no “abuso do poderoso sobre o débil”. Pon como exemplos os prezos que teñen os produtos da horta ou as froitas, un ramo no que moitas veces “véndese a leituga a 8 céntimos e no supermercado chegan a valer un euro”. Este sindicalista pon énfase no protagonismo nesta situación “da industria da distribución”, que move, en ocasións, “un número limitado de alimentos na cadea de valor e obriga o produtor a baixar os prezos”.

A pesca tamén sofre as consecuencias da diferenza de prezos mais o seu funcionamento é outro. O presidente da Federación Estatal de Confrarías e patrón maior de Burela (A Mariña), Basilio Otero, explica a Nós Diario que, no seu caso, “non fixamos prezos, vendemos nunha poxa á baixa polo que quen fixa o primeiro prezo é o propio intermediario”. Despois, relata, “este conta cuns impostos desde a propia lonxa e o Estado, alén da súa marxe de beneficio”.

Porén, como acontece coa pescada en Burela, “ese primeiro comprador non é o vendedor final e hai outros polo medio que tamén deben pagar os seus impostos”. Con este sistema, recoñece Otero, “da compra inicial marcada por un poxador á venda final hai diferenzas” que en ocasións non se entenden.  

Altas porcentaxes

Os datos facilitados polo Observatorio da Cadea Alimentaria, procedentes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), correspondentes á quinta semana de 2024 (do 29 de xaneiro ao 4 de febreiro de 2024), constatan incrementos notábeis de varios produtos desde a súa orixe até o seu destino final nos fogares.  

Nas carnes, por exemplo, a tenreira de 1ª ten un prezo en orixe de 5,08 euros/kg e en destino de 20,82 euros/kg (+309,84%). Séguea o porco de 1ª, que en orixe véndese a 1,98 euros/kg e en destino a 8,02 euros/kg (+305,05%). 

Nos peixes, o maior aumento téñeno as sardiñas, que en orixe saen a 1,29 euros/kg para chegar a valer en destino 6,45 euros/kg (+400%). Tamén teñen aumentos considerábeis o xurelo, que pasa de 1,94 euros/kg en orixe a 6,45 euros/kg (+232,47%). Ségueo o lirio, que pasa de  2,34 euros/kg a 7,55 euros/kg (+222,65%); e a pescada, de 10,75 euros/kg até 26,41 euros/kg (+145,67%). 

Por último, no caso das verduras e hortalizas o maior aumento está na pataca que está en orixe a 0,41 euros/kg e remata en destino a 2,98 euros/kg (+626,83%). A cebola ten un prezo en orixe de 0,46 €/kg e en destino de 2,64 €/kg. (+473,91%). Séguelle a  cenoria, que pasa de 0,32 euros/kg a 1,74 euros/kg (+443,75%). 

Solucións

Da Cal cre que “a solución é difícil” mais entende que a única fórmula pasa “pola intervención dos poderes públicos”. Desde a Fruga indican que hai datos abondo a disposición das Administracións e o único que deberían facer é “regular as marxes para que non haxa exemplos como o dono de Mercadona que se fai rico a costa da produción”. 

Desde o SLG, Isabel Vilalba demanda que as Administracións "poñan as normas necesarias para garantir que a alimentación sexa axeitada, de tempada e proximidade, cuestionando desta maneira o oligopolio de certas empresas mesmo con compra pública". Ademais, exixe que se  teñan "prezos que non sexan de parte", facendo fincapé na "responsabilidade da Xunta e do Estado español". Para UUAA “é fundamental que a cadea alimentaria sexa transparente para que non haxa abusos e, pola contra, haxa capacidade de negociación”. Para que isto aconteza, González demanda que o proceso “estea amparado por lei, que xa leva uns anos en marcha, mais ten fallos que deben solucionarse”.

Basilio Otero, pola súa parte, considera que o sector do mar “igual debería saír da súa zona de confort de deixar o peixe na lonxa e ir á casa para  comercializar e obter máis rendibilidade”. Neste sentido, sinala o exemplo da baixura, “coa facilidade que teñen en volume de capturas”.


Tractoradas en once puntos do país

O Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación Agraria da Galiza (Asaga) fixeron onte en rolda de prensa un chamamento ao sector primario para que se mobilice o día 20 de febreiro co obxectivo de demandar o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria e así poder garantir "prezos xustos". Por este motivo, convocaron tractoradas en once puntos do país: A Coruña, Compostela, Ortigueira (Ortegal), Vimianzo (Terra de Soneira), Lugo, Ribadeo (A Mariña), Pedrafita (Os Ancares), A Gudiña (Viana), Ourense, Pontevedra e Lalín (Deza).

As tres organizacións lembraron o obxectivo de que se consiga a "táboa reivindicativa" que puxeron enriba da mesa. O secretario de Coordinación Sectorial de UUAA, Félix Porto, demandou que ningún elo da cadea poida vender por baixo do prezo de produción. Para iso, reclamou orzamento para que a Axencia de Información e Control Alimentario investigue os "incumprimentos" e que haxa un observatorio de prezos para coñecer o custo de produción.  Ana Rodríguez, representante do SLG, citou na comparecencia  a excesiva burocracia que soportan, polo que demandou "compromisos firmes e escritos" diante dunha "poboación agraria moi pequena e envellecida. Non para o feche de granxas". Neste sentido, asegurou que "tan culpábel é a Consellería do Medio Rural como o Ministerio de Agricultura". Na mesma liña, Francisco Bello (Asaga) asegurou que "os burócratas en Bruxelas nas súas cadeiras de brazos lexislan sen ter nin idea". Por este motivo cre que "esta PAC non é a nosa PAC, está feita ás costas dos sistemas produtivos".

Comentarios