A Galiza rexistra en xaneiro a maior suba de prezos da península Ibérica

O IPC aumentou 19,3% desde o estalido da pandemia
A suba dos prezos déixase notar no incremento do custo dos alimentos. (Foto: Europa Press)
photo_camera A suba dos prezos déixase notar no incremento do custo dos alimentos. (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou 3,8% a comezos de 2024 na Galiza con respecto a xaneiro do pasado ano, o que supón a maior taxa de inflación de toda a península Ibérica, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Ningunha das autonomías peninsulares do Estado, ni tampouco Portugal -cunha taxa de 2,3%-, experimentaron un IPC superior ao galego. Con respecto á media estatal (3,4%), a inflación interanual a nivel galego foi catro décimas porcentuais superior, e tan só en Canarias (4%) a suba de prezos foi maior.

Tratouse ademais da maior alza interanual de custos a nivel galego desde abril de 2023. Por outra parte, na comparativa co pasado mes de decembro, os prezos subiron 0,2% na Galiza, o dobre da décima porcentual de aumento no Estado español. 

Así, a nivel galego, nun comezo de ano cunha alza de prezos xeneralizada, sobresaíu a repunta de 7,9% de alimentos e bebidas non alcohólicas. Seguírona: restaurantes e hoteis (6,6%), bebidas alcohólicas e tabaco (3,7%) , outros bens e servizos (3,6%) e vestido e calzado (3%). Tamén houbo subas en vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis, neste caso de 1,8%.

Na comparativa co mes anterior, a maior suba na Galiza protagonizárona as bebidas alcohólicas e o tabaco (2,5%). No outro extremo, produciuse un descenso de 10,6% de roupa e calzado debido ás rebaixas.

A nivel estatal -posto que o INE non ofrece este dato desagregado para a Galiza-, a inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) baixou dúas décimas en xaneiro, a 3,6%, taxa dúas décimas porcentuais superior á do IPC xeral e a máis baixa desde marzo de 2022. Desta maneira, a fenda entre o índice xeral e a subxacente foi a menor desde novembro de 2022.

Ademais, a Galiza (19,3%) é a segunda autonomía na que máis subiron os prezos desde o estalido da pandemia, en marzo de 2020, só por detrás de Castela-A Mancha (20,1%) e moi por riba da media estatal (17,3%).

Comentarios