18-F

Fruga e SLG fan chegar ás forzas políticas cadansúas propostas para o sector agrario

As forzas políticas encaran os últimos días de campaña. Neste contexto, desde a Fruga e o SLG reclaman unha mudanza nas políticas agrarias desde o novo Goberno galego que xurda das urnas o próximo domingo 18 de febreiro. Por outra parte, ambos os sindicatos remarcan que a Xunta da Galiza ten competencias nesta materia.

Acto público do Sindicato Labrego Galego, hoxe en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acto público do Sindicato Labrego Galego, hoxe en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)

Dúas das organizacións agrarias galegas, a Federación Rural Galega (Fruga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) coincidiron esta cuarta feira en facer cadansúas propostas ás forzas políticas que comporán o próximo Parlamento da Galiza.

Para a Fruga, os problemas que están derivando actualmente en intensas protestas "teñen a sua orixe na aplicación das normativas xurdidas ao acubillo da Política Agraria Común (PAC), mais non soamente no último período, senón que estes se asentan na súa propia filosofía desde 1992".

Outra cuestión que é preciso abordar, explica o sindicato, é "a necesidade de estabelecer mecanismos efectivos que impidan que o sector produtor cobre polas súas producións por baixo dos custos efectivos e obxectivos de produción, tal como determina a Lei da Cadea Alimentaria".

Ademais, desde a Fruga apostan "polo apoio á agricultura ecolóxica e á economía de proximidade, por enfrontar os problemas causados pola fauna silvestre e pola necesidade de impulsar un ámbito de interlocución galego que permita chegar a acordos entre as partes intervenientes na cadea de valor do sector agrogandeiro".

Competencias da Xunta

Pola súa parte, o SLG apela a un cambio de políticas agrarias no novo Goberno galego que saia das urnas. Aínda que apunta que "moitas cuestións" dependen das políticas europeas e do Ministerio, resalta que hai "moitas políticas que se fan aquí, tamén na Xunta da Galiza", como "se se apoia a substitución xeracional ou se se deixa máis de 70 mozos sen axuda de incorporación, como pasou en 2022", do mesmo modo que reprocha que nese ano "deixouse unha chea de produtores ecolóxicos sen axudas".

Nos máis de 14 anos do PP na Xunta perdéronse "ao redor de 20.000 granxas" de carne, mentres que as explotacións lácteas "reducíronse de 13.000 a 5.000". A isto únese unha perda de "ao redor de 150.000 hectáreas" de terra agraria, salientou o SLG.

Motivos para protestar no contexto das mobilizacións

A Fruga entende que "as causas que deron lugar ás protestas do sector primario tamén afectan a sociedade galega", polo que solicita manter unha reunión cos grupos políticos con presenza no Parlamento da Galiza. Mentres tanto, o SLG manifestou o seu apoio ás mobilizacións para o día 20 de febreiro, xa que considera que "hai motivos" para manifestarse, "como poden ser os baixos prezos, unha burocratización bestial ou o feito de exixirlle a moita xente máis trámites telemáticos que é imposíbel que fagan".

Comentarios