Empresas públicas mandan no sector eléctrico galego

A presenza do sector público no negocio eléctrico é normal no espazo da UE. Mentres unha parte das forzas políticas rexeitan pór en marcha un operador público para rebaixar o prezo, no mercado galego xa traballan varias compañías con participación pública no seu capital. Iberdrola, Endesa ou EDP son só algúns exemplos.
Parque eólico do Sil, en Nogueira de Ramuín. (Foto: Iberdrola)
photo_camera Parque eólico do Sil, en Nogueira de Ramuín. (Foto: Iberdrola)

A alza do prezo da luz está no centro do debate social e político. Nese contexto sitúase a proposta da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, de constituír unha empresa pública que opere no mercado eléctrico para rebaixar a factura da luz. A iniciativa, formulada desde hai anos desde as organizacións sociais e políticas do nacionalismo e da esquerda é rexeitada de cheo desde as formacións da dereita e desde unha parte do Goberno estatal. A responsábel da área económica do Executivo e deputada pola Coruña, Nadia Calviño, tense manifestado contra esa alternativa, por non considerala “eficaz” e por entender que “non é a formula axeitada neste momento”. Nunha dirección semellante, tense expresado o deputado do PP por Lugo Jaime de Olano, quen cualifica a proposta de “disparate”.

Os operadores de propiedade pública levan décadas no sector eléctrico galego. Así, Iberdrola, presente no mercado de xeración e de comercialización da luz, ten como principais accionistas o fondo soberano do Estado de Catar, con 9,72% do capital, e o Goberno de Noruega, con 3,17% das participacións.

A maiores, a compañía con sede social en Bilbo e sede fiscal en Madrid é o primeiro produtor de enerxía de orixe renovábel da Galiza, con 1.558 megawatts de hidráulica e 562,3 megawatts de eólica. Ao tempo, máis de 30% da poboación galega ten contratado o subministro da luz coa empresa presidida por Sánchez Galán, de cuxo consello de administración fan parte coñecidos políticos do PP. 

A italiana Endesa

Endesa é outro actor importante na Galiza. A sociedade ten grandes intereses no país no sector da xeración, cunha potencia eólica instalada de 262 megawatts e cunha produción hidráulica de 375 megawatts, explotando até o seu fechamento a central térmica das Pontes. Ademais, conta con perto de 25% da cota de mercado na área da comercialización e cunha presenza moi significada en diversas comarcas. A compañía, privatizada no seu día por José María Aznar, ten a súa sede fiscal en Madrid pero é propiedade de Enel, empresa enerxética italiana de titularidade estatal.

Energias de Portugal (EDP) opera de vello no negocio eléctrico galego. A compañía actúa no mercado de xeración coa súa propia marca, explotando activos no sector eólico e hidroeléctrico, algúns dos cales proceden de Hidrocantábrico e Viesgo. Mediante Barras Eléctricas Galaico-Asturianas (Begasa) actúa na esfera da distribución eléctrica e, tamén, da comercialización, significándose pola súa histórica presenza nalgunhas comarcas do interior. A sociedade, con sede fiscal en Oviedo ten como primeiro accionista, con 21,35% do capital, Three Georges Corporation, empresa pública chinesa que se fixo con EDP tras a súa privatización polo Goberno portugués, seguindo as directrices da troika.

Iberdrola, Endesa e EDP son tres exemplos significativos de empresas cunha destacada participación pública no seu capital e con presenza relevante no mercado eléctrico galego.

A esta listaxe pódese sumar a compañía Statkraft, a maior produtora de enerxía de orixe renovábel de Europa, propiedade do Goberno de Noruega, que acaba de presentar un proxecto para executar dous parques eólicos na Galiza cunha potencia instalada de 292 megawatts. Mesmamente, no ámbito do transporte da electricidade participa o Goberno español, primeiro accionista a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) de Red Eléctrica Española (REE) e Enagás. 

Comentarios