O Colexio de Economistas de Pontevedra denuncia a "desigualdade inflacionista"

Ademais, 80% dos xestores de fondos auguran unha recesión na Unión Europea.
Produtos básicos experimentaron subas superiores a 25% (Foto: Nós Diario).
photo_camera Produtos básicos experimentaron subas superiores a 25% (Foto: Nós Diario).

O Colexio de Economistas de Pontevedra advertiu esta terza feira que a crecente "desigualdade inflacionista" debido a que o aumento de prezos afecta dunha forma máis acusada aos fogares máis pobres. 

Segundo explica o colexio, os alimentos experimentaron unha suba récord superior a 25% interanual en produtos tan "básicos e necesarios" como o aceite, o leite, os ovos, o iogur, a fariña e o azucre.

Por este motivo, desde o Colexio de Economistas de Pontevedra desenvolven, en colaboración co Banco de Alimentos de Vigo, unha campaña de recollida de alimentos que se estenderá até o 22 de decembro.

Con esta iniciativa, a institución pretende "axudar ás familias máis necesitadas achegando o seu gran de area ante o grave problema que representa o aumento da pobreza".

A entrega de alimentos poderase facer até o 22 de decembro en horario de 10 a 13 horas nos catro puntos de recollida estabelecidos. Ademais, na sede do colexio, situada en Vigo, tamén se poderán entregar alimentos de 16 a 18 horas.

A suba de prezos, o maior risco para os mercados

90% dos xestores de fondos europeos anticipa unha menor inflación para os próximos 12 meses, aínda que até 37% segue considerando que a suba de prezos é o maior risco para os mercados, seguido da recesión mundial -sinalada polo 20%- e das actuacións dos bancos centrais -nomeadas polo 16%-.

Así o mostra a última enquisa a xestores de fondos elaborada por Bank of America, que foi publicada esta terza feira. Nesta enquisa da entidade financeira, 80% das persoas cuestionadas anticipa unha recesión na Unión Europa (UE), fronte á cifra de 95% que o facía en outubro.

Ademais, por outra parte, até 68% das persoas que foron preguntadas neste inquérito prevé que a recesión sexa a nivel global, once puntos porcentuais menos respecto ao mes anterior.

Comentarios