Análise

A inflación non é neutral

A inflación non afecta por igual a todos os actores dunha economía (Foto: Álex Rozados).
photo_camera A inflación non afecta por igual a todos os actores dunha economía (Foto: Álex Rozados).

Moito se leva escoitado sobre a inflación ao longo dos últimos meses. Despois de máis dunha década de inflación controlada, o enorme incremento dos prezos enerxéticos rematou provocando que o conxunto dos mesmos comezaran a subir, atopándonos unha situación nova dende os xa afastados anos 80. Se ben a inflación xa supón a principal preocupación da cidadanía do Estado (segundo o último barómetro do CIS), non sempre se incorporan ao debate público importantes matices sobre o seu impacto.

En particular, resulta de interese resaltar que a inflación non é unha situación que afecta por igual a todos os actores dunha economía: non afecta por igual a Estado, empresas ou familias, nin tampouco afecta por igual ás rendas altas ou ás baixas. Trataremos de analizar esta cuestión.

En primeiro lugar, a inflación xera moita máis presión sobre as rendas baixas que sobre as rendas altas, por algo que en economía se define como propensión marxinal ao aforro. O que nos di a propensión marxinal ao aforro é que a medida que unha persoa aumenta a súa renda, tende a aforrar máis do que aforraba previamente. Esta situación parece bastante obvia, xa que existen necesidades básicas que teñen que ser cubertas en calquera caso (alimentación ou vivenda, por exemplo), aínda que a túa renda sexa escasa. Con todo, a medida que a renda dunha persoa aumenta, como xa ten as necesidades básicas cubertas, pode escoller entre aumentar o seu consumo (e de feito vai escoller, en parte, esta opción), pero ao mesmo tempo tamén vai ter a capacidade de aforrar.

É dicir, parte da súa renda non se vai ver apremada pola inflación, mentres nunha renda baixa o que vai acontecer é que se reduza o xa escaso aforro ou teña que consumirse menos. E consumir menos, para as rendas baixas, implica escoller se poñer a calefacción no inverno ou reducir a calidade alimentaria. É dicir, a inflación afecta a toda a economía, pero afecta en maior medida ás persoas pobres.

Os beneficios empresariais están medrando case sete veces máis rápido que os salarios

Por outra banda, o mecanismo para o control da inflación, a suba dos tipos de xuro, tampouco é neutral: afecta de novo ás rendas máis baixas, ao dificultar a solicitude de crédito, e favorece ás rendas máis altas, que verán aumentar os beneficios de ter aforros, como consecuencia do aumento dos propios xuros. É dicir, a situación económica está empobrecendo ás persoas pobres, e a solución que as institucións europeas están aplicando reforza esta dinámica.

Ademais, tampouco é neutral o impacto da inflación na relación entre empresas e persoas traballadoras. O incremento dos prezos enerxéticos levou a que os custos para as empresas aumentasen e, como consecuencia, todas as empresas non enerxéticas comezaron a incrementar os seus prezos para repercutir esa suba de custos na persoa consumidora, en lugar de internalizar eses gastos.

Esta decisión é lóxica dende a perspectiva empresarial, pero está baseada fundamentalmente nas expectativas das empresas a futuro, polo que se consideran que os seus custos van continuar subindo, seguen a aumentar os prezos, aínda que eses custos rematen por conterse. Esa situación é a que estamos vivindo nestes momentos: segundo os datos que nos proporciona a Central de Balances Trimestrais do Banco de España, no Estado os beneficios empresariais aumentaron nos últimos nove meses.

É dicir, están repercutindo nas persoas consumidoras unhas subas de prezos superiores ás que están vivindo nos seus custos. Tanto é así que a rendibilidade das empresas aumentou máis dun 20% (!) nos últimos 12 meses, mentres os salarios aumentaron un 3,2% no mesmo período; é dicir, os beneficios empresariais están medrando case sete veces máis rápido que os salarios.

Por último, hai que ter en conta que dentro das propias empresas hai diferenzas significativas, polo que non todas se ven beneficiadas por igual desta situación. Analizando a rendibilidade das empresas (unha vez máis cos datos da Central de Balances do Banco de España), atopamos que son as empresas medianas e grandes quen teñen maior rendibilidade, reducíndose particularmente para as microempresas (aquelas de menos de 10 persoas traballadoras, e que representan a inmensa maioría das empresas tanto en Galiza como no Estado): o beneficio medido como a rendibilidade sobre o capital investido dunha empresa grande é un 40% superior ao dunha microempresa. É dicir, por cada 100€ que investiron unha grande empresa e unha microempresa, a grande consigue un 40% máis de beneficio final.

Estes elementos amosan que non só se trata de combater a inflación, senón que se trata de combater a inflación particularmente nos segmentos sociais máis prexudicados polos seus efectos.

Comentarios