A suba de prezos na alimentación seguirá marcando o incremento da inflación

Aumenta a carestía dos produtos básicos á marxe do custo da enerxía. Desde o Banco Mundial alertan de que seguirán incrementándose en anos vindeiros. 
Os prezos aumentaron, entre outros, en alimentos como o azucre, os legumes e hortalizas, a carne, o leite e os ovos (Foto:Nós Diario).
photo_camera Os prezos aumentaron, entre outros, en alimentos como o azucre, os legumes e hortalizas, a carne, o leite e os ovos (Foto:Nós Diario).

Os datos facilitados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) do medre do Índice de Prezos de Consumo (IPC) na Galiza no mes de outubro en termos interanuais -un 7,8%, superior en medio punto ao estatal- puxeron en evidencia o diferente comportamento en relacións aos prezos que hai entre a alimentación e o custo da enerxía.

En outubro a taxa de prezos na alimentación avanzou un punto en comparación con setembro, até 15,4%, a máis alta desde o comezo da serie histórica, en xaneiro de 1994. Destaca, de maneira moi especial, o encarecemento dos legumes e hortalizas, a carne e os ovos.

Na cesta da compra, os produtos que máis subiron de prezo no Estado español no último ano son o azucre (+42,8%), as fariñas e outros cereais (+37,8%), a manteiga (+34,1%), os legumes e hortalizas frescas (+25,7%), o leite enteiro (+25,6%), os ovos (+25,5%), os aceites e graxas (+23,9%), as patacas (+19%) e o pan (14,9%). Os que menos subiron desde o mesmo mes de 2021 foron as froitas (+12,8%), o peixe conxelado (+12,7%), a carne porcina (+12,3%), o peixe (+11%), e a carne ovina e caprina (+9,8%), que fecha a listaxe. 

A maior parte destes alimentos coinciden cos denominados “básicos” e, polo tanto, cos de maior consumo por parte da poboación. Detrás desta evolución de prezos dos alimentos poden estar desde os efectos derivados da seca de meses anteriores, a consecuencia da translación dos prezos enerxéticos e mesmo o encarecemento da distribución pola suba dos carburantes. 

O prezo da enerxía e a alimentación

O comportamento dos prezos da alimentación está a ser diferente aos da enerxía, un dos elementos que, nun principio, debería influír nela. O Estado español está no quinto lugar no ranking europeo de gasto para frear a escalada eléctrica e introduciu varias medidas, entre elas o tope á suba das tarifas reguladas até 5%. A intención, di o Goberno español, é frear a inflación no seu conxunto, tamén reducindo o aumento de prezos da cesta da compra.

Fontes do Banco Mundial cren que a solución non será tan doada, nin para o Goberno español e nin para a Unión Europea. Desde esta institución alertan que, malia a previsión de que os prezos da enerxía diminúan 11% en 2023 e outro 12% en 2024, seguirán por encima dos seus niveis anteriores á guerra en Ucraína. En concreto, o organismo internacional estima que seguirán sendo un 50% máis altos até 2025 que a media dos cinco anos anteriores. 

Con datos mensuais entre setembro e outubro o IPC  subiu tres décimas. Se temos en conta a inflación subxacente, na que non entran nin alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, o dato mantense en 6,2%, ou sexa 1,1 puntos por debaixo da taxa do IPC xeral.

Ao estar case parella coa inflación global compróbase que o encarecemento do custo da vida está a converterse en estrutural, sen que inflúa que a enerxía baixe. Con este panorama, o Banco Mundial considera que o equilibrio para realizar previsións é moi precario e está suxeito a numerosas variábeis entre as que figuran, por exemplo, o desenvolvemento que teña á guerra entre Rusia e Ucraína.

A OCDE augura un incremento de prezos do 4,8% para 2023

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) publicou onte unha nova edición do seu informe bianual "Perspectiva Económica", no que mellorou as previsións de crecemento económico do Estado español para este ano e empeorou as do seguinte, diante do impacto da inflación no poder adquisitivo dos fogares.

Respecto ao encarecemento dos prezos, aventura que a inflación está prevista que alcance unha taxa media do 8,6% en 2022, cinco décimas máis que o prognóstico anterior. A estimación para 2023 mantívose sen cambios no 4,8%, mentres que para 2024 a OCDE decidiu situala tamén na devandita taxa. Porén, as previsións deste organismo son máis optimistas que as que manexan o Goberno español e outros organismos.

Comentarios