Demandan a intervención pública para frear a suba do prezo da electricidade

A CIG alega ao prezo voluntario da enerxía ao pequeno consumidor e presentou unha serie de alegacións á consulta pública que puxera en marcha o Ministerio de Transición Enerxética.
O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco (á esquerda), e o seu secretario xeral, Paulo Carril (á dereita) nunha rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco (á esquerda), e o seusecretario xeral, Paulo Carril (á dereita) na rolda de prensa (Nós Diario).

A CIG anunciou en rolda de prensa que presentou unha serie de alegacións á consulta pública sobre o prezo voluntario da enerxía ao pequeno consumidor  (PVPC) que puxera en marcha o Ministerio de Transición Enerxética e que finalizou a pasada sexta feira. 

O responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco Parga, explicou que nas alegacións do sindicato introduciron a necesidade de abrir un debate sobre todo o sistema eléctrico. "O Ministerio, o propio Goberno español e a Xunta da Galiza están superados pola situación", sinalou Branco. Apuntou que a resposta agora foi "parchear", como no caso "do anuncio de Pedro Sánchez de 100 millóns de euros para as e os consumidores vulnerábeis". 

Para este sindicalista "habería que actuar sobre todo o que compón o mercado marxinalista" así como "sobre o propio sistema fiscal que permite perversións como que a tecnoloxía máis barata do sector, 5 ou 6 euros megawatt hora como é a hidroeléctrica, marque o prezo máis alto moitas horas do día por enriba dos 200 euros". 

Alén diso, Branco asegurou que presentarán propostas propias en todas as consultas que faga o Ministerio. "Xa o fixemos o ano pasado cando se modificaron os cargos e as peaxes do sistema co novo sistema horario, e non as tiveron en conta", lembrou, "cando agora demostrouse que ese sistema co horario máis barato en realidade é o máis caro" polo que "hai que corrixilo indo á raíz do problema". 

Proposta de tarifa eléctrica galega

"Son urxentes as actuacións de intervención pública para que se implante unha tarifa eléctrica que garanta unha vida digna e un desenvolvemento industrial que cree postos de traballo", asegurou o secretario xeral da central sindical nacionalista, Paulo Carril.

O líder sindical chamou a superar o "prezo único" para todo o territorio do Estado español porque, "cada vez é menos certo" e porque "é inxusto para Galiza", que ten a "indiscutíbel condición de produtora", soportando desde hai décadas "o forte, agresivo e duro impacto" derivado das instalacións de xeración de electricidade. 

Para a CIG, Galiza, malia ser produtora de electricidade,  "soporta, como xa ten sucedido, non redución do recibo eléctrico, senón recargos polos denominados suplementos territoriais", mentres os lugares de destino desta enerxía "están a salvo do mesmo, ou mesmo beneficiados por bonificacións", dixo. 

Por iso demandou que, no caso galego e doutros territorios produtores, non se integre na PVPC a peaxe de transporte "pola proximidade dos centros de xeración, pola eficiencia enerxética, ao non producirse perdas de tensión, e polo forte impacto no territorio da rede e infraestrutura de evacuación e subministro aos centros de consumo".

Propuxo, ademais, bonificar o impulso das renovábeis, cunha redución do 10% da tarifa eléctrica mensual aos domicilios na comunidade onde, no ano anterior, se dea ao mesmo tempo "unha produción de eléctricidade por fontes renovábeis igual ou superior ao 70% da produción total da comunidade autónoma e se exporte unha porcentaxe igual ou superior ao 30%".

 

Comentarios