Por que é máis cara a luz na Galiza que en boa parte da UE?

O prezo da luz no mercado regulado experimentou subas na primeira quincena de xaneiro de até 75%, o que se traduce nun encarecemento de até 35% no recibo da luz. En comparación co resto de territorios da Unión Europea, o Estado español é dos que máis paga pola luz, en parte pola carga fiscal da factura eléctrica. 
Torres de alta tensión
photo_camera Torres de alta tensión

Moitas galegas e galegos están a recibir estes días con certa estupefacción o recibo da luz. A vaga de frío das últimas semanas pasou factura, nunca mellor dito, á clientela, especialmente a que opera con comercializadoras do mercado regulado. De nada serviu que boa parte da enerxía coa que se quentaron os fogares do Estado español saíse da Galiza. Todas as persoas pagaron igual, co conseguinte agravio territorial e social.

Á marxe das vagas de frío, a estrutura do recibo da luz fai que este servizo sexa máis caro para as empresas e particulares do Estado español que para as de moitos dos territorios da Unión Europea como consecuencia do sistema de fixación de prezos e dos impostos asociados. 

Un deses impostos é o Imposto do Valor Engadido (IVE), que no caso español é 1,7 puntos porcentuais superior ao da media da Unión Europea, unha diferenza que no caso dos estados da Eurozona ascende a 2,6 puntos porcentuais. No caso do gas natural as diferenzas son de 2,3 puntos e 3,1 puntos, respectivamente.

O colectivo de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha), que non consideran "decisivo" este imposto para atenuar o prezo da electricidade en situacións excepcionais, indica que só seis países europeos teñen tipos reducidos sobre o consumo de electricidade: Irlanda, Grecia, Italia, Luxemburgo (que tamén os teñen para o gas natural), Croacia e Malta.

O tipo que se aplica a este imposto no Estado español é de 21%, por riba tamén do de territorios como Francia (20%, con 5,5% na parte fixa da tarifa) e Alemaña (19%). Ao IVE hai que engadir o imposto especial á electricidade, que se carga pese a tratarse dun servizo básico, cun gravame de 5,11%, o que eleva a tributación total por riba de 25% (26,11%). Na factura inclúense tamén outros cargos, como o relativo ao transporte de enerxía (conxelado até abril), a prima polo fechamento da minaría do carbón, a das renovábeis ou o déficit tarifario (uns 20.000 millóns de euros), que encarecen aínda máis un recibo da luz, que só na primeira quincena de xaneiro disparouse máis de 30%.

Regulación centralizada 

As eléctricas, pola súa banda, tamén pagan un imposto á produción, de 7%. Este imposto xa se suspendera a finais de 2018, tamén durante unha vaga de frío, por un período de seis meses para que as empresas rebaixasen ese importe da factura das súas clientas e clientes. Está por ver se o Ministerio para a Transición Ecolóxica repite esta medida ou opta por algún outro tipo de compensación para rebaixar a factura

En calquera caso, como explica o profesor da USC Adrián Dios, Galiza paga as consecuencias de ter unha regulación tan centralizada. "Nós, aínda sendo unha potencia en produción de electricidade, non temos como país a máis mínima capacidade de incidir na fixación do prezo". 

Na súa opinión, o mercado está mal pensado, ou mellor dito, "pensado para primar os beneficios das empresas antes que o benestar da cidadanía". Neste senso, considera que "en situacións extraordinarias debería ser ao contrario, que as empresas leven menos beneficios pero que a xente poida acender a calefacción". 

Respecto da factura, Dios sinala que os impostos "fan que sexa cara permanentemente" e critica que na fixación de prezos no mercado, o coñecido como pool, o prezo que se lle traslada ás persoas consumidoras é o da tecnoloxía máis cara que entra, xeralmente o gas natural, independentemente da porcentaxe que represente no total. Deste modo, o sistema é "superfavorábel para quen produce a electricidade, non para quen a consome". 

Quen a fai, págaa

As eléctricas fan caixa á custa deste sistema grazas á xeración de electricidade renovábel, que tamén entra no mix, e que obteñen case sen custo dos recursos de territorios como Galiza que, pola contra, non obtén ningún tipo de contrapartida.

É máis, como denuncia o profesor da USC, lonxe de gañar en competitividade, favorecendo a implantación de empresas dependentes da produción de enerxía no país con tarifas máis reducidas, tal e como podería acontecer no caso de contar cunha tarifa eléctrica galega, paga máis pola electricidade que produce polo imposto ás emisións contaminantes dalgúns dos sistemas que emprega para obtela. 

"Aínda por riba de ser produtores, comemos as externalidades negativas, como é a contaminación, e temos que pagar máis na nosa factura? Madrid importa 95% da electricidade e nós pagamos máis. Non é xusto", conclúe Dios.

Comentarios