O BNG propón reformar a lei eléctrica ante a suba dos prezos

Pontón insta Feixoo a soltar o "ganchete do lobby eléctrico".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: Arxina)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a soltar "o ganchete do lobby eléctrico" e a pórse "do lado dos intereses da Galiza", impulsando iniciativas que permitan facer fronte á "estafa" da factura da luz.

Nun encontro en Poio con representantes do sector da hostalaría e do comercio e no que tamén participou o alcalde deste concello, o nacionalista Luciano Sobral, Pontón denunciou que "a factura da luz é unha estafa "legalizada no Boletín Oficial do Estado".

A líder do Bloque asegurou que é "infumábel" que a resposta do Goberno español á suba do prezo da luz sexa "que as eléctricas teñen pouca empatía social". Así se pronunciou recollendo as palabras da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que horas antes pediu ás eléctricas empatía social ante o baleirado dos embalses acontecido nas últimas semanas. 

Ana Pontón lembrou ao Executivo que preside Pedro Sánchez "que é a súa responsabilidade frear a escalada" dos prezos da enerxía, polo que lle pediu que cambie a lexislación "que fixo o Partido Popular a medida dos intereses do lobby enerxético".

Na súa intervención, Pontón advertiu de que o incremento da factura eléctrica esta "afogando" as familias e moitos sectores económicos, como o da hostalaría e o comercio, e "pon en risco a recuperación económica nun momento chave". Ademais, dixo que "esta estafa na Galiza é dobre" xa que, segundo explicou, o territorio galego é "altamente produtor de enerxía eléctrica" e non ten "ningún tipo de beneficio por unha riqueza colectiva", unha actuación que cualificou de "espolio".

Nese sentido, a portavoz nacional do BNG denunciou que a Galiza é penalizada "no canto de ter compensacións polos custos ambientais que supón a xeración de enerxía eléctrica", polo que pediu unha "resposta" en consecuencia por parte da Xunta.

Tarifa eléctrica galega e compañía pública

Así, Pontón insistiu nas propostas do Bloque para implantar unha tarifa eléctrica galega para abaratar o custo da enerxía e pór en marcha unha compañía pública galega que recupere para o ámbito público as concesións que vaian caducando. Pontón tamén incidiu na necesidade de "impulsar desde a Galiza unha reforma da lei eléctrica para que acabemos con eses beneficios caídos do ceo".

Máis en POLÍTICA
Comentarios