O conflito da mexilla pode facer caer 30% a produción de mexillón

O sector mobilizarase en Compostela o día da investidura de Rueda e pide dimisións "ao máis alto nivel"
Os produtores de mexillón  galegos alertan de que a mexilla da que dispón non chega para cubrir as necesidades das bateas (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os produtores de mexillón galegos alertan de que a mexilla da que dispón non chega para cubrir as necesidades das bateas (Foto: Nós Diario)

Asociacións e colectivos do sector do mexillón convocaron este sábado, coincidindo coa toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta da Galiza,  unha nova mobilización en Compostela para denunciar a xestión do Executivo galego no conflito pola mexilla entre bateeiros e percebeiros. 

A protesta servirá tamén para exixir a dimisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, ás que acusan de xerar "unha problemática que nunca existira en 70 anos" de presenza de bateas nas costas galegas.

Segundo argumentan, ten que haber asunción de responsabilidades "ao máis alto nivel" na Consellaría do Mar, pola aprobación duns plans que xeran "grandes prexuízos" no sector e que están baseados nuns informes que, denuncian, "nunca puideron ser contrastados".

Non entenden os ataques por parte da Consellaría a un sector que, lembran, "foi estratéxico durante a pandemia e que non deixou de traballar e que agora se ve castigado por unha decisión administrativa que lles impide o acceso á cría, un recurso "fundamental"

Pasividade da Xunta

En declaracións a Nós Diario, o vicepresidente da Organización de Produtores de Mexillón da Galiza (Opmega), Juan Fungueiriño, recoñece que as persoas que traballan no sector "están desesperadas" pola falla de mexilla, ao que se suma o feito de que a mexilla que están a meter nas bateas "é de mala calidade". 

Neste escenario, Fungueiriño denuncia que "a Xunta segue a mirar para outro lado". É por isto que deciden retomar a acción ─xa se mobilizaran na Illa de Arousa en decembro e o pasado abril en Compostela─, pois entenden que "estando calados parece que non hai problema, cando hai un problema e é moi serio", advirte o directivo de Opmega.

Desde Amegrove, outra das asociacións de produtores de mexillón convocantes, insisten en destacar que os mexilloeiros están desesperados porque "nas zonas verdes ─nas que poden recoller─ non hai cría ningunha", o que pode supor unha caída de produción "moi importante, de 30 ou 40% facilmente".  

Desde a entidade explican que, noutras campañas, o normal era escoller a mexilla de maior calidade, a que ten máis posibilidades de crecer na batea, "pero este ano houbo que meter a que había", sinalan desde Amegrove, e "aínda así, hai moitas bateas que non teñen metida toda a que teñen que meter".

A consecuencia desta situación, a produción de mexillón vaise ver afectada. "Son moitos millóns de quilos e moitos cartos que van perder as familias que dependen deste sector", alertan os produtores.

Falta de protección

Xunto a isto, denuncian que nas zonas onde hai algunha mexilla, como Doniños (Ferrol), están a sufrir agresións, que pasaron de ser físicas e verbais a ataques aos seus vehículos. 

"Cada vez que imos alí estamos a sufrir ataques, pedradas aos coches e rodas picadas, sen que se faga nada desde a Administración para protexernos e para permitirnos polo menos ir con tranquilidade ás zonas verdes", lamentan.

Promesas incumpridas 

O conflito pola mexilla xurdiu a raíz da publicación dunha orde da Consellaría do Mar na que restrinxía a recollida da cría de mexillón en boa parte da costa galega para, teoricamente, preservar as zonas de produción do percebe. Fíxoo o 30 de novembro 2021, na véspera de iniciar a campaña de recollida da cría do mexillón. Desde o sector presentaron alegacións que, segundo recoñecen, aínda non foron respondidas.

En marzo a Consellaría abriu a man no que atinxe aos prazos de captura, mais non das zonas, aínda que en abril, en base a informes científicos ─os que presentan os bateeiros non os ten en consideración─ prometeu abrir inmediatamente tres zonas con moita mexilla e pouco percebe. Porén, "a conselleira míntenos descaradamente na cara", din, porque a realidade é que seguen todas elas fechadas. 

Comentarios