Condena contra Novagalicia Banco pola estafa das preferentes

Un xulgado de Cambados resolve contra a entidade, obrigándoa a devolver 7.560€ a un afectado ao entender que o consentimento foi prestado por falta de información e matizar que unha das sinaturas do contrato foi falsificada. Con todo, as plataformas de afectad@s prefiren a negociación colectiva pola vía política

O Xulgado de Instrución nº1 de Cambados vén de estimar "integramente" a demanda presentada por un d@s ao redor de 42.000 afectad@s pola que se deu en chamar 'estafa das preferentes'. Na súa resolución, a instancia xudicial condenou a Novagalicia Banco, entidade subscritora das participacións, a lle devolver ao seu cliente, un veciño de Meaño, os 7.560 euros que investira, para alén dos intereses contraídos desde o 28 de novembro de 2011, cando presentou a demanda. O banco foi tamén condenado a costas, isto é, terá que pagar todos os gastos derivados do xuízo.

Segundo recolle este domingo un diario local, ollando a sentenza --contra a que cabe recurso perante a Audiencia Provincial de Pontevedra--, nos feitos probados recóllese que o demandante, un home de 52 anos que non rematou os estudos da EXB depositou 10.000 euros na sucursal de Dena a cambio do depósito de alta rendabilidade e sen ningún tipo de risco que lle ofreceu o director da oficina, garantindo que podería dispor dos cartos en todo momento. En 2009 quitou 2.400 euros para mercar un coche e, cando foi polo resto, en outubro de 2011, Novagalicia Banco informou de que non era posíbel, pois o contrato que asinara tiña por obxecto a adquisición de participacións preferentes.

A condena vén argumentada porque o cliente non foi informado correctamente, ao non tratarse dun experto en produtos financeiros. "Dilixencia, transparencia, imparcialidade, boa fe, coidado e dilixencia" son os requisitos que deberan rexer este acordo, mais o xuiz botou en falta todos eles, polo que, após matizar que unha das sinaturas do contrato foi falsificada, declara "nulo" un consentimento "que foi prestado por erro" e resolve contra a entidade bancaria. Con todo, desde as plataformas das preferentes sempre se recalcou que a vía xudicial deberá ser a última porta en que chamar, esgotando primeiro o camiño da negociación colectiva en termos políticos na procura dun cambio na lei que permita a devolución dos cartos a todas as persoas afectadas.

Comentarios