Clun e Leite Celta crean "o gran grupo lácteo da Galiza", unha nova empresa con 1.400 produtoras e 800 persoas empregadas
Clun e Leite Celta, dúas das principais empresas do sector lácteo na Galiza, alcanzaron un acordo para constituír unha nova empresa con 1.400 produtoras, 800 persoas empregadas, oito plantas industriais e un volume de negocio de 600 millóns de euros.
Pendente de obter a autorización necesaria por parte de Competencia, a nova entidade, Corporación Rural Láctea (CoRural) prevé fixar a súa sede social en Santiago de Compostela. Unha vez teña o visto e prace, o presidente de Clun, José Ángel Blanco, asumirá a Presidencia, mentres que o actual director xeral de Leite Celta, Javier Bretón, e o director xeral de Clun, Juan Gallástegui, asumirán as funcións de conselleiros delegados da nova entidade.
As dúas compañías reivindican que a nova entidade sumará "a potencia" da base cooperativa coa innovación industrial e "a solidez comercial". Ambas posúen marcas como Celta, Feiraco, Clesa, Únicla e A Vaqueira. Nun comunicado de prensa conxunto, destacan que a nova entidade "ten ao gandeiro no centro do modelo" e eríxena "no gran grupo lácteo da Galiza".
O obxectivo, subliñan, é "sumar recursos, colaborar e abordar de forma conxunta os retos do mercado" e está concibida tamén para "achegar estabilidade, eficiencia e futuro" á Galiza, primeira potencia produtora de leite do Estado español.
"Conservando a súa identidade"
"En CoRural confluirán a base cooperativa de Clun e a solidez industrial e comercial de Leite Celta, conservando ambas a súa identidade", explican. A nova corporación, segundo afirman, "permitirá garantir unha subministración estábel dun alimento esencial como é o leite, incrementar a capacidade de recollida e transformación, diversificar produtos e ampliar a resposta industrial ante as demandas do consumidor e da distribución".
CoRural nacerá tamén "para reforzar a sustentabilidade económica das gandarías, promovendo un modelo que pon o foco na sustentabilidade, a eficiencia e a capacidade de competir na maioría das categorías lácteas".
A nota de prensa presenta este proxecto como "un paso máis" na evolución de dúas traxectorias "complementarias". Por unha parte, a dunha cooperativa "sólida" e "profundamente arraigada" no medio rural e, por outro, a dunha empresa industrial que nos últimos anos realizou investimentos "relevantes" ao servizo da súa modernización. Apuntan así á combinación da "vocación de servizo ao gandeiro e ao territorio" que caracteriza Clun e a capacidade industrial, tecnolóxica e comercial de Leite Celta.
"Suma de forzas de campo e industria"
Juan Gallástegui destaca que "CoRural dá resposta á demanda histórica do sector de crear un grupo lácteo na Galiza, e sempre sobre a base dunha cooperativa forte, da mesma maneira que sucede nos grandes grupos lácteos europeos". "Esta é unha oportunidade que o campo galego estaba a esperar, dispor dunha industria moderna forte e referente", resalta.
Pola súa parte, Javier Bretón asegura que "xuntos" serán "máis grandes e eficientes" e avoga por "optimizar os procesos de produción e diversificar produtos". "Estaremos mellor posicionados no mercado e en mellor situación para afrontar os cambios de ciclo no sector", augura. Neste sentido, conclúe que CoRural é "unha suma de forzas do campo e da industria para satisfacer a demanda de clientes e consumidores".