Os candidatos a presidir a patronal galega abren a porta a unha candidatura “de consenso”

Pedro Rey e José Manuel Díaz encabezan as únicas candidaturas para liderar a Confederación de Empresarios da Galiza, que leva uns anos en situación de interinidade.


 

EuropaPress_3245615_foto_antonio_fontenla
photo_camera O presidente da CEC, Antonio Fontenla, leva años exercendo como voceiro. (Foto: Europa Press)

Unha vez concluído o prazo para presentar candidaturas a presidir a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) quedou confirmado que tan só haberá dúas posibilidades para acabar cun período de transición que xa se alonga moito. No entanto, os dous posíbeis líderes veñen de abrir as portas a acadar unha proposta “de consenso”.

O vigués Pedro Rey, que foi o primeiro en dar o paso adiante, e o ourensán José Manuel Díaz son os aspirantes a liderar a patronal galega após unha asemblea electoral programada para o 24 de novembro.

Porén, non parece existir unha loita moi ampla entre as dúas propostas malia que nos últimos anos houbo diferencias de pareceres no seo da CEG.

Así se entende despois de que, ao feche do prazo para concorrer, ambos candidatos dixeran aceptar un diálogo de cara a acadar unha listaxe única.

Tanto Díaz como Rey afirmaron que sería unha opción chegar a unha proposta “de consenso”, que sería á que terían que votar as entidades representadas na Confederación. De chegar a acordo, quedan sete días para conseguilo.

Tres posíbeis solucións

Hai tres escenarios posíbeis: dúas candidaturas, unha unión de ambas ou a retirada dunha no camiño á presidencia. A segunda opción parece a máis reclamada desde dentro da institución.

Neste sentido, Rey afirmou que por el “non vai quedar”. “Vou traballar para iso, son un home de paz e de consenso”, confirmou, aludindo a que o seu contrincante é unha “persoa á que teño moita estima”.

Na mesma liña falou Díaz, que está en “disposición de chegar a acordos”. Ademais, parabenizou a Rey (e a el mesmo) por dar un paso que “non é fácil”. De feito, sen cabeza visíbel oficial desde hai tempo, a CEG ten como voceiro de quenda por idade ao presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla.

Comentarios