Campo Lameiro quere declarar 'non grato' ao presidente de Abanca se fecha a sucursal

O Concello chama aos veciños a participar o vindeiro mércores nun velorio simbólico dedicado á oficina bancaria.
Anuncio da protesta contra o feche da sucursal bancaria en Campo Lameiro (Campo Lameiro).
photo_camera Anuncio da protesta contra o feche da sucursal bancaria en Campo Lameiro (Campo Lameiro).

O rural comeza a rebelarse contra as intencións de Abanca de fechar oficinas. O alcalde de Campo Lameiro, o popular Carlos Costa, iniciará os trámites para declarar 'persona non grata' ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, no caso de que finalmente se efectúe o feche dunha sucursal.

Previsiblemente, a iniciativa sairá adiante co voto unánime do tres grupos con representación no pleno -PP, Porvir e PSOE-, que consideran que é un xesto de "dignidade dun pobo que expresa de modo institucional a súa rebeldía fronte a un atropelo ante o cal non se pode resignar".

Ademais, o Concello convocou a un velorio simbólico para a noite da cuarta feira, 8 de setembro, en protesta contra o feche da sucursal. O acto, segundo informa o Consistorio, comezará ás 21,30 horas e as persoas que asistan acompañarán un cadaleito confeccionado "para escenificar a morte do rural galego coa desaparición paulatina de servizos esenciais" cono as oficinas bancarias.

Alén diso, esta mesma semana a xunta de portavoces do Consistorio acordaba facultar ao alcalde para que iniciase contactos con avogados para buscar asesoramento para interpor accións xudiciais no caso de que Abanca feche a sucursal.

A entidade bancaria afirma que manterá o servizo

Fronte a estas accións de protesta, celebradas tamén por outros concellos, a dirección de Abanca subliñou esta mesma semana que garantiría os "servizos financeiros" en todas as localidades nas que se suprimen entidades como consecuencia do que xustifica como "reordenación" de oficinas.

A idea de Abanca, tal e como explicaron fontes da entidade, é estar presentes no rural a través de "caixeiros, oficinas móbil e as oficinas de Abanca que ten nas localidades próximas".

"Con este modelo darase solución á case totalidade de necesidades financeiras que se realizaban nelas, xa que todas as oficinas situadas nestas localidades teñen unha operativa moi reducida, algunhas presentan unha media inferior a seis operacións ao día", sinalaban as mesmas fontes.

Comentarios