Abanca fía aos caixeiros e ás oficinas lindeiras a garantía dos servizos financieros no rural

Xustifica a clausura de varias oficinas en pequenas parroquias e concellos con apenas "seis operacións diarias".  e sinala que se adaptaron os caixeiros e mantén un plan de apoio ás persoas maiores
Protestas diante da oficina central de Abanca na Coruña polo feche de sucursais en zonas do rural (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Protestas diante da oficina central de Abanca na Coruña polo feche de sucursais en zonas do rural (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A dirección de Abanca afirma que garantirá os "servizos financeiros" en todas as localidades nas que ten previsto suprimir sucursais como consecuencia da "reordenación" das oficinas.

Farao, explicaron fontes da entidade, a través de "caixeiros, oficinas móbil e oficinas de Abanca en localidades próximas".

Estas aclaracións, inciden nas mesmas solucións que xa avanzaran representantes do banco a algunhas corporacións municipais contrarias ao feche dos servizos presenciais. E coinciden coas protestas da veciñanza do rural contra o desmantelamento dos seus servizos bancarios esta quinta feira na Coruña.

Implantación no rural

Fontes da entidade lembran que Abanca -o banco creado a raíz da fusión das caixas de aforro galegas- é a firma financeira coa maior rede no rural galego, cun 33,5% de implantación en núcleos de menos de 5.000 habitantes.

Abanca destaca que dá servizo a 98% da poboación en 87% dos municipios. Da mesma forma, a entidade propiedade de Juan Carlos Escotet remarca que "é a única entidade financeira con presenza en 115 municipios da Galiza (37%), o que permite ofrecer servizos financeiros a 298.000 galegos".

Neste sentido, subliña que Galiza é un dos territorios con mairo acceso a servizos financeiros. E cita un estudo do Banco de España, no que se revela que só 12% dos municipios galegos non ten acceso a un punto de efectivo, unha porcentaxe que se eleva até 50,6% no conxunto do Estado.

Porén, Abanca sumará no mes de setembro perto dunha decena de feches até alcanzar a vintena nos últimos meses noutros tantos nucleos de poboación, nomeadamente en zonas do rural, envellecidas e faltas doutros servizos públicos indispensábeis.

Caixeiros e oficinas móbiles

Así, Abanca limitarase a ofrecer os seus servizos financeiros nas localidades onde vai suprimir sucursais a través de caixeiros, oficinas móbiles e oficinas en localidades próximas.

"Con este modelo darase solución a case a totalidade de necesidades financeiras que se realizaban, xa que todas as oficinas situadas nestas localidades teñen unha operativa moi reducida, algunhas presentan unha media inferior a seis operacións ao día", sinalan.

Ademais, Abanca manterá activo o plan de axuda para o uso de caixeiros para todas as persoas que a necesiten. De feito, lembra que os caixeiros "foron adaptados para facilitar o seu uso por parte das persoas maiores".

Comentarios