Caixa Rural Galega, anfitrioa en Compostela das asociacións sectoriais do cooperativismo de crédito mundial

O evento celébrase paralelamente ao 'EurofiFinancialForum 2023', que reúne ministros de Economía de Europa e Latinoamérica.

caixa rural galega encontro coop

Representantes das cooperativas de crédito españolas e de  países como Alemaña, Francia, Italia, Países Baixos, Xapón ou Australia participaron nunha cea en Compostela na que a Caixa Rural Galega exerceu de anfitrioa.

O acto estivo organizado pola entidade galega coa Unión Nacional de Cooperativas de Crédito (Unacc) e a Asociación Europea de Bancos Cooperativos (EACB) e no mesmo estiveron presentes o director xeral de Apoio ás Reformas Estruturais da Comisión Europea, Mario Nava e a vicegobernadora do Banco de Francia, Sylvie Goulard.

O obxectivo desta cita foi a posta en común das experiencias dos distinto grupos de cooperativas de crédito, quer no ámbito económico en xeral quer no ámbito regulatorio en particular.

O evento que tivo lugar na capital galega, realízase paralelamente ao EurofiFinancialForum 2023 que está a ter lugar os días na capital galega con carácter previo á reunión informal de ministros de Economía e Finanzas latinoamericanos e europeos que se desenvolve no marco da Presidencia española do Consello da Unión Europea.

Está previsto que estes días a capital galega congregue máis de 1.600 persoas duns 60 países, nunha contorna das máis influentes no ámbito económico e financeiro.

O sector cooperativista de crédito español estivo representado nesta cea, ademais de por Manuel Varela e Jesús Mendez, presidente e director xeral de Caixa Rural Galega, por Cristina Freijanes, secretaria xeral da Unacc, Luís García Lozano e Alberto Sainz dos Terreros, directores de Auditoría e Asesoría Xurídica da Asociación Española de Caixas Rurais (AECR) e David Murano, subdirector Xeral de Caja Ingenieros.

Comentarios