O valor dun semental de andadura rolda os 3.000 euros

O cabalo galego: robusto, resistente e cunha carne rica en ferro e proteínas

A Asociación de Criadores Puraga vén de editar o libro 'O cabalo de pura raza galega: historia e situación actual', unha publicación divulgativa que recolle as principais características do equino autóctono da Galiza, do que hoxe hai perto de 1.700 exemplares. A carne do poldro galego conta cun selo distintivo de calidade debido ao seu valor nutritivo: a carne é baixa en graxa e alta en proteínas e ferro.
Manda de cabalos de pura raza galega, especie da que se conservan perto de 1.700 exemplares no país (Foto: Cedida).
photo_camera Manda de cabalos de pura raza galega, especie da que se conservan perto de 1.700 exemplares no país (Foto: Cedida).

As eguas galegas de pura raza foron durante anos moi valoradas para o seu cruce con especies foráneas, debido á súa resistencia e calidade de casco e articulacións. A falta de control nesta práctica supuxo a case desaparición da raza, mais desde 2005 a Asociación de Criadores de Pura Raza Galega (Puraga) logrou, a través da cría tradicional, remontar o censo até os perto de 1.700 exemplares actuais, dos cales a meirande parte son femias. Hoxe ten o recoñecemento de raza autóctona en perigo de extinción.

"O cabalo galego ten unha serie de características morfolóxicas como a súa cor escura, castaña ou negra, e non teñen manchas agás algunhas pequenas e brancas que poden aparecer na fronte, coñecidas como cunchas", explica, en conversa con Nós Diario, José Luís Guillín, veterinario de Puraga e un dos autores da publicación colectiva O cabalo de pura raza galega: historia e situación actual.

A obra saíu recentemente do prelo e será distribuída en carnizarías, feiras e eventos cabalares para ofrecer información en detalle dos elementos que distinguen o equino autóctono da Galiza.

Nos montes do país, malia non existir un censo oficial, estímase que hai arredor de 11.000 cabalos salvaxes. Desde Puraga encárganse de atopar os exemplares de raza pura e engadilos aos rexistros oficiais a través dos libros xenealóxicos, que recollen o seu valor xenético e o dos seus devanceiros.

Contribución ao medio

Os cabalos de raza galega habitan amplas explotacións gandeiras en réxime semiextensivo. Dado que basean a súa alimentación en plantas como o toxo, contribúen enormemente aos labores de roza. Deste modo, deixan os terreos aptos para o pastoreo das vacas e axudan tamén a reducir o risco de incendios.

Con todo, o cabalo criado da forma tradicional enfróntase a diferentes ameazas: "Algunhas son consecuencia da acción humana, como a falta de acondicionamento dos montes, as explotacións extensivas de gando ou a construción de estradas por áreas tradicionais de pastos. Outras son obra da propia natureza, como os ataques do lobo, que ao longo do ano son moitos. Preocúpannos especialmente as femias, xa que delas depende a supervivencia da especie, mais tamén os machos polo seu alto prezo", argumenta.

O prezo dun poldro leitón rolda os 300 euros, mentres un semental de andadura pode chegar aos 3.000. Por outra banda, o custo de manter un exemplar é xeralmente superior a 300 euros mensuais.

Alto valor alimenticio

Desde 2019, a carne de poldro xestionada por Puraga conta co selo distintivo "100x100 raza autóctona". Todos os exemplares son criados en réxime de semiliberdade e aliméntanse por medio do pastoreo. Aliás, as crías fican ao carón da nai até pasados cinco meses e medio, e o leite é o seu principal sustento. Isto contrasta coa carne procedente doutras zonas do Estado español como o Levante, onde os poldros "acostuman a ser cebados".

"É unha carne baixa en graxa, alta en proteínas e moi rica en ferro, que o noso organismo absorbe moi facilmente", apunta Guillín. Debido ao seu elevado valor nutricional, é especialmente axeitada "para a cativada, as mulleres embarazadas, as e os deportistas e mais para as persoas con problemas alimenticios".

Porén, este alimento semella ficar ausente da dieta de moitas galegas e galegos. "Depende da zona, no norte da Coruña e de Lugo, onde hai máis tradición cabalar, xa se consumía hai anos. Noutras áreas hai un maior descoñecemento das súas propiedades, mais agora tentamos darlle pulo", di.

O cabalo galego é tamén moi valorado na cultura popular, en eventos como a Rapa das Bestas de Sabucedo.

Comentarios