Maria Fragela, comerciante: "As novas xeracións non cambiaron no campo galego, seguen defendendo o seu traballo"

Cando María Fragela abriu a súa tenda de alimentación en Narón non sabía que meses despois tería que afrontar toda unha pandemia. O seu proxecto de negocio tivo, desde antes de comezar, moito de emocional e de crer na experiencia propia de xeracións e xeracións vencelladas ao agro. Desde o nome escollido para o proxecto, Do País, até a aprocura de referentes todo sinala respecto pola tradición. Coa aposta pola venda en liña achega a súa proposta mesmo fóra das nosas fronteiras.
Maria Fragela na súa tenda física de Narón con algúns dos produtos galegos que comercializa (Nós Diario)
photo_camera Maria Fragela na súa tenda física de Narón con algúns dos produtos galegos que comercializa (Nós Diario)

Cal foi o seu proceso para chegar a ter unha tenda de produtos galegos?

Declárome nacionalista convencida! Supoño que o proceso comezou cando era pequeniña e acompañaba á miña avoa Luísa cada sábado á praza de Cedeira. Alí vendía a colleita da semana... non tiña un posto nin nada parecido, cargaba a carretilla, un cesto na cabeza suxeito unicamente por un moído. Gustábame ir con ela e non tardei en decatarme do inxusto e mal pagado que era o seu traballo, traballaba moito, gañaba pouco e aínda por riba, a clientela non escatimaba en pedir rebaixa. Fun medrando e entendín a importancia desa xente, e comecei a ver a calidade, esmero e tenrura coa que traballan.

As novas xeracións non cambiaron no campo galego, seguen apostando e defendendo o seu traballo e as condicións, por desgraza, tamén seguen sendo as mesmas. Desde aquela a idea dunha tenda onde vender os produtos de toda esta xente estivo na miña cabeza. Tiña que facer algo...e este é o meu pequeno proxecto: unha tenda de produtos galegos onde os pequenos son grandes, onde valoramos o seu esforzo e a calidade que iso representa. Iso é Do País, unha tenda da casa.

Antes de abrir a tenda, viaxamos pola Galiza procurando aqueles produtos máis auténticos e respectuosos co medio, cos animais e coa tradición alimentaria do País. Apostamos polos que nos pareceron máis auténticos. E así foise perfilando a tenda ata ter produtos de case toda Galiza.

Cre que a compra de produtos de proximidade gañará a batalla aos que fan miles de quilómetros até chegar a nós?

Creo que aínda falta moito para iso, non podemos criar un porco celta na Serra do Xistral, alimentado por landras e castañas nun espazo óptimo e competir en prezo con calquera macrogranxa. A nosa batalla temos que gañala coa calidade e para iso precisamos recuperar sabores e texturas esquecidas, o poder adquisitivo da xente ten que mellorar, temos que ser capaces de poder comer dignamente, todos temos que poder mercar un chourizo de porco celta e un queixo de Mesía, non podemos deixar que se convertan en produtos exóticos. É a nosa tradición e debemos conservala. Só temos que buscar a maneira de facelo.

A marca "feito na Galiza" atrae mesmo a empresas de fóra. Hai control abondo para evitar enganos?  

Apenas existe control por parte das administracións pero o máis preocupante é a falta de escrúpulos dos empresarios e consumidores á hora de mercar. Non creo que a sociedade actual sexa tan ignorante, simplemente uns enganan e outros deixámonos enganar. Hai produtos que se venden como "galegos" e non teñen nin unha soa materia prima do País. É unha vergoña que consintamos isto, parece non importarnos que se carguen o noso patrimonio. Somos ricos en materias primas e receitas máxicas! Temos que ser capaces de diferenciar o que é noso e o que non!

Que tipo de clientela tes, foi difícil entrar no comercio local?  

Teño clientela de todo tipo, xente maior e xente nova...incluso teño algún cliente de dez anos que gosta de merendar freixós e leite de verdade. Moito me presta velos no parque papando neles e nos rebolos de Maruxío. Algunha xente ve a tenda como algo exótico....estamos moi lonxe diso, somos xente do País. Non resultou difícil entrar no comercio local, tivemos moi boa acollida. A semana pasada abrimos a tenda en liña e agardamos poder chegar a moitos galegos que están lonxe

Comentarios