O agro prepara a defensa contra os eólicos

As organizacións agrarias adiántanse aos posíbeis prexuízos que causarían os futuros proxectos eólicos na Galiza. UUAA prepara a defensa das propiedades fronte ás expropiacións e o SLG mais a Fruga salientan os danos que causarían nas explotacións gandeiras polas novas características dos parques eólicos.
Muíños eólicos de gran tamaño a carón dunha explotación gandeira no parque Pico del Cuervo, El Cogollu, Asturies (Asociación libre de mulleres a Cooredoira).
photo_camera Muíños eólicos de gran tamaño a carón dunha explotación gandeira no parque Pico del Cuervo, El Cogollu, Asturies (Asociación libre de mulleres a Cooredoira).

A repercusión dos grandes proxectos eólicos está a causar preocupación nas organizacións agrogandeiras galegas. Dos 500 Mw que se implantaron na última década nos montes agora mesmo fálase de que están previstos 3.000 Mw a partir de solicitudes realizadas a través do Estado español, distribuídos en 37 proxectos, e outros 3.000 Mw solicitados a través da Xunta da Galiza, con 90 proxectos.

Diante deste panorama, Unións Agrarias presentou onte unha campaña que pretende defender os dereitos das e dos propietarios de terras que se vexan afectados directa ou indirectamente polas expropiacións que se realicen se se confirman algúns destes proxectos. "Partimos dunha decisión irreversíbel, que é a descarbonización e a aposta por buscar enerxías alternativas, polo que somos conscientes de que a enerxía eólica é unha realidade que ten que converterse nunha oportunidade, non nun castigo", asegurou Roberto García, secretario xeral de UUAA en rolda de prensa. 

Para García "os obxectivos de redución dun 30% en 2030 e dun 100% no ano 2050, máis a suma dos fondos europeos onde se vai primar as enerxías verdes, vai haber unha auténtica presión para a instalación destes parques". Neste sentido, lembrou que Galiza "só ten 21% de superficie agraria útil, 48% das terras agrarias son susceptíbeis de axudas comunitarias", polo que, para a súa organización, "a prioridade absoluta é preservar a superficie agraria útil, preservar os terreos de calquera tipo de expropiación de usos para estabelecer parques eólicos". 

Outra das preocupacións é o reparto dos beneficios que a enerxía eólica xerará no rural galego. "O primeiro é o propio terreo, que ten que dispor dun valor, non polo que produce desde o punto de vista agrario senón polo valor da velocidade do aire que pasa por esa zona", indicou García, que engadiu que "no proceso de expropiación e de negociación coas empresas ten que ter unha valoración distinta". 

Non repetir a historia os encoros

Para Jacobo Feixoo, presidente da Asociación Forestal da Galiza, nesta primeira fase de presentación de proxectos vai ser fundamental traballar "para que se exclúan os parques que están mal formulados, como o son todos estes de zonas con moita vocación agrogandeira". Con posterioridade, "os propietarios deberían estar informados das negociacións coas empresas, da expropiación se se dese a circunstancia". En todo caso, salientou que "non se ten que repetir a historia que pasou na Galiza cos encoros, cando as comunidades rurais non se beneficiaban da xeración de enerxía".

Polo seu lado, José Antonio Diéguez, presidente da asociación de Vento Noso de propietarios de soares eólicos sinalou a importancia de que a Administración "faga que se cumpra a lei" para que non se prexudique a todas as persoas implicadas, "desde as propietarias que terán que negociar un contrato até as que están nos arredores dos parques eólicos".

Manuel Dacal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga), asegurou a Nós Diario que "a maioría destes proxectos son un ataque ao territorio rural galego, desde o punto medio ambiental, paisaxístico e contra a biodiversidade e a multifuncionalidade do territorio". 

O coordinador da Fruga entende que "nalgúns casos concretos son unha ameaza para a continuidade das actividades agropecuarias ao afectar directa ou indirectamente a superficie agraria das explotacións, ben pola proximidade dos aeroxeradores, prexudicando o benestar animal, ben por verse afectadas as leiras polas liñas de evacuación".

Prexuízos para as granxas da contorna

A implantación de novos parque eólicos, ademais, trae outras consecuencias para o sector agrogandeiro, sobre todo das zonas cunha distribución poboacional no territorio importante. "Os proxectos que se presentan están cada vez máis perto das casas e, polo tanto, máis perto das granxas", explicou a Nós Diario Ramón Barreiro Carnota, avogado do Sindicato Labrego Galego (SLG). Recoñeceu que moitos dos impactos destes novos parques eólicos están sen estudar. 

"É o caso do estrés que representa para os animais ter un muíño eólico perto. Temos coñecemento de situacións en que os animais teñen máis abortos ou dalgunhas granxas de produción avícola que tiveron que fechar pola proximidade dun parque,  porque deixou de ser rendíbel". 

Desde o SLG afirman que a distancia estabelecida cos núcleos de poboación segue a ser a mesma na lei a pesar de que "os eólicos que se proxectan agora aínda non están colocados en ningún sitio, son máis grandes e a distancia será menor", polo que estarán máis perto das casas.

Comentarios