domingo 18/04/21
Director técnico de Asoporcel

Iván M. Rodríguez: "O porco celta permite crear postos de traballo e facilitar a volta ao rural"

En plena pandemia, a finais de 2020, Iván Manuel Rodríguez Paz presentaba a súa tese de doutoramento sobre o porco celta na USC. Este veterinario e investigador, responsábel técnico de Asoporcel, cre que esta raza porcina está no camiño de ser moi positiva para recuperar económica e demograficamente o rural galego.
O veterinario Iván Manuel Rodríguez Paz. (Foto: Asoporcel)
O veterinario Iván Manuel Rodríguez Paz. (Foto: Asoporcel)

De que maneira se conseguiu recuperar a raza do porco celta?

Naceu do interese de criadores que aínda tiñan exemplares nas súas casas, moitas veces para autoconsumo. Comezaron a buscar outros porcos desta raza por toda a xeografía galega e iniciaron un proceso de cruzamento e de recuperación desta liñaxe que estaba a piques de desaparecer, mais foi a partir de 1999, coa creación de Asoporcel, cando se potencia esa recuperación. Houbo moito compromiso coa achega de animais desde moitas zonas. Había un pequeno núcleo en Triacastela, algunhas comarcas de Ourense e tamén da Costa da Morte. 

Non se seguiu ningún espello posto que o tronco celta, que abrangue desde o bísaro portugués da zona de Trás-os-Montes até o asturcelta, non tiña un censo moi grande. Outras razas no norte peninsular xa están extinguidas, polo que non había posibilidade de ollar outras recuperacións.

Que importancia tivo a xenética nese proceso?

Nun primeiro momento non podes levar unha selección de exemplares tan importante, onde o número de animais é bastante elevado. Hai que dispor de ferramentas para evitar consanguinidades e problemas hereditarios nos cruzamentos. A xenética foi moi importante para seguir aumentando as producións e os censos na raza. 

Que dificultades tiveron as explotacións pioneiras nesta raza?

Ao ser unha poboación moito máis pequena, nun principio os exemplares eran moi diversos e non había moita homoxeneidade. Non había pautas de alimentación nin sanitarias comúns. Co tempo foise estandarizando e fixéronse estudos da carne e da alimentación. Falando con criadores que comezaron hai máis de 15 anos, sempre din que a diferenza coa actualidade é grande. Agora chegan unhas canles moito máis homoxéneas, cun mesmo espesor de graxa. Antes comentaban que igual chegaba un cocho de 180 quilos e, ao día seguinte, un de 90 quilos. Agora procede dunha mesma granxa por vez. Ademais temos máis ferramentas para levar o libro xenealóxico, como o programa sanitario, e de alimentación, que optimizan cada vez máis as producións.   

Hai marxe de mellora ou considérase consolidada a súa recuperación na Galiza?

Non. A raza aínda está en perigo de extinción e sempre hai marxe de mellora. Estamos nun censo aproximado de 4.500 animais. A día de hoxe non podes facer unha selección tan profunda para non quedar sen exemplares.

Cales son os principais beneficios para a gandaría aposta polo porco celta?

O primeiro é que estás recuperando unha raza autóctona, a única porcina que temos, a que era dos nosos devanceiros e estivo a piques de desaparecer pola  entrada de razas foráneas. Ademais, son animais que se adaptan a calquera medio, agora que hai moita terra abandonada, a súa produción en réxime extensivo pode manterse en diferentes fincas. O que pagarías por rozar unha finca aforraríalo, pois estes animais fano perfectamente e dunha maneira controlada. Despois estás a producir unha carne de calidade, que cada vez está a ser máis coñecida, recoñecida e demandada. Son moitos os beneficios.

Permite crear novos postos de traballo, as explotacións non deixan de ser pequenas empresas que facilitan a volta ao rural e recuperan terras abandonadas. Hai casos, como o de Sarria, onde se crearon vencellos entre as explotacións que organizan a Festa do Porco Celta desde hai trece anos, que dinamiza a contorna. O mesmo acontece en Friol. No último ano e medio incorporamos 20 gandarías de menores de 40 anos. 

Que papel xoga Asoporcel?

É a entidade xestora do libro xenealóxico. Controla a parte xenética da raza para determinar os mellores cruzamentos. Facemos de ferramenta útil das explotacións, por exemplo, na tramitación de axudas da Política Agrícola Común. Ademais, somos unha entidade formadora en benestar animal en transporte, obrigatorio para as e os titulares das granxas. 

Como está a súa comercialización?

Fechamos 2020 cun incremento de 20% da produción, chegando case aos 200.000 quilos. Foi dos mellores anos. Cando comezou a pandemia tivemos un parón de case un mes por ser moi importante para nós a hostalaría. Pola contra, tivo moi boa acollida na canle de mercaproximidade e integrouse nas grandes superficies nas que aínda se manteñen hoxe. Agora, coa apertura da hostalaría e as tendas de barrio, entendo que a tendencia seguirá a ser positiva.

comentarios