A burocracia seguirá nas granxas galegas: "Urxe abordar este tema para facer sostíbel a continuidade no rural"
Tras meses de incerteza sobre como quedaría a norma de benestar animal, o Ministerio de Agricultura aproveitou as festas de Nadal para publicar no Boletín Oficial do Estado (BOE) o Real Decreto que modifica aspectos importantes relacionados coa sanidade, identificación e trato do gando nas explotacións agrarias no Estado español.
Nunha primeira valoración do texto que xa entrou en vigor, o gandeiro e coordenador de Sectores Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, considera que a nova norma "non reduce o principal problema que temos hoxe en día nas explotacións gandeiras: a burocratización". Neste sentido, as explotacións estarán obrigadas a contar cun Plan de xestión ambiental e tamén cun Plan de xestión de resíduos. No primeiro as medidas implicarán analizar o consumo de auga, enerxía, ruídos e olores mentres que no segundo deberá terse en conta os xurros, precisando o solo ao que se destinan mesmo identificando as terras que ocuparán.
Unha das mudanzas máis sinlados é que todos os animais que nazan a partir do 25 de xuño do 2025 estarán obrigados a estar identificados de maneira electrónica. "Coa informatización de parte dos procesos que se realizan nas explotacións non teñén en conta os problemas que hai de cobertura no medio rural galego", critica este sindicalista.
Ademais, desde a Fruga alertan que a maior parte das granxas galegas non contan con persoal abondo como para levar a cabo as tarefas burocráticas "que lle quitan tempo ao propio coidado dos animais". Este é un dos motivos que, segundo Somoza, "as gandeiras e os gandeiros rematan por ter que pagar para realizar eses trámites". Por este motivo a entidade nacionalista demanda "que se aborde con urxencia este tema para facer sostíbel a continuidade no rural".
Nesta reivindicación coincidiron nestes últimos anos con outros sindicatos como Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). A secretaria xeral deste último, Isabel Vilalba, aseguraba o ano pasado que esta posibilidade "acrecentaría da xa de por si complicada carga burocrática e terán impacto directo na súa mesma viabilidade".
Persoal veterinario
Na nova norma elimínase a obriga do veterinario de explotación, unha das demandas que a propia Fruga e o resto de sindicatos realizaba tras anunciarse. Para o sindicato nacionalista era "imposíbel de aplicar, mesmo pola falta de profesionais”.
Por último, entre outras mudanzas, na nova norma figura que, en relación ao lugar onde se sitúan os animais fechados, deberán coincidir o seu número cos cubículos onde están situados e reciben a súa alimentación.
Grandes explotacións
“As normas que se aprobaron están máis indicadas para explotacións sostíbeis que para o propio modelo que se está procurando que se desenvolva desde as propias Administracións", opina Elías Somoza, "que é outro: o das gandarías intensivas, concentradas en menos explotacións”, agrega este sindicalista.
Esta "incoherencia" que dificulta a estabilidade e continuidade das explotacións gandeiras no país ten, para a Fruga, outro capítulo cando se trata das propias superficies existentes para que se dediquen a esta actividade. "Moitas veces non hai terreos suficientes para poder botar as vacas a pastar e parte da culpa está en que se emprega para outros aproveitamentos, como é o caso do forestal", conclúe.
Incerteza no sector gandeiro
Entre as circunstancias deste 2025, o sector gandeiro aínda non sabe como repercutirá o pacto co Mercosur. Fruga, SLG-CCLL e UUAA pediron tomar medidas que favorezan as explotacións propias. "Ademais, seguimos coa volatilidade dos prezos do leite", explica Somoza. Por este motivo, insiste en que "hai que aplicar a Lei de cadea alimentaria". Por último, a Fruga pide "normalizar" a representación convocando eleccións sindicais "que levan sen facerse 23 anso".


