As dúbidas dos mercados en relación con Ecoener confírmanse. Após tres días cotizando no Mercado Continuo e tras liderar as caídas do índice na súa primeira xornada, a compañía galega de renovábeis ten perdido practicamente o 20% do seu valor e a tendencia, segundo os analistas, apunta á continuación da sangría nas próximas semanas. As causas deste comportamento non se poden desligar dos temores que a historia da compañía e o pasado do primeiro accionista provoca en moitos investidores. Porén esta é unha cuestión secundaria para a maioría dos expertos e coñecedores da operación.
Ademais, no día de hoxe, Onchena, vehículo inversor da familia Ybarra Careaga, erixiuse no segundo máximo accionista de Ecoener, tras tomar unha participación de 6,147% no grupo de renovábeis no marco da súa saída á bolsa.
Ecoener anunciou hai uns meses a súa intención de saír á bolsa para recadar 182 millóns de euros co obxectivo de financiar parte da construción e desenvolvemento de 1.669 megavatios na eólica, na hidráulica e na fotovoltaica. A falla de resposta dos investidores obrigou a retrasar a chegada ao Mercado Continuo e a reducir a proposta inicial en 83 millóns de euros, tras testar Societé Generale e o resto da banca comprometida na operación as dificultades para cubrir a oferta. Neste caso, de pouco lle ten servido ao primeiro executivo da compañía, Luís Castro Valdivia, destacar que a empresa conta con 141,2 megavatios de potencia instalada, presenza en sete Estados e con conselleiros como os antigos ministros de Aznar Ana de Palacio ou Eduardo Serra.
A compañía de Castro Valdivia non é a primeira empresa de renovábeis golpeada nos últimos meses polos investidores. Neste grupo, sitúase Grenergy, quen após colocar a finais de 2019 unha ampliación de 12% de capital cae en bolsa ao longo de 2021 máis de 14%. Outro tanto acontece co xigante estatal da enerxía fotovoltaica, a compañía madrileña propiedade da familia Díaz-Tejeiro Larrañaga, Solaria, que perde nos últimos tres meses a metade da súa capitalización. Os propios xigantes do sector non están pasando tampouco os seus mellores momentos e o seu valor mantense polas compras de autocarteira e a estabilidade fornecida polos investidores institucionais.
Opdenergy
O fracaso de Ecoener ten levado outras compañías de renovábeis a adiaren a súa saída aos mercados. Hoxe mesmo, Opdenergy decidía comunicar á Comisión Nacional do Mercado de Valores a súa decisión de atrasar sine die a súa saída a bolsa, prevista para hoxe, “á vista das inestábeis condicións dos mercados”. Outros operadores enerxéticos, como Acciona ou Repsol, que pretendían sacar á bolsa durante este ano a súa división de renovábeis están decididos a cancelar a operación, para evitar unha baixa no valor dos seus activos.
Os directivos das compañías eléctricas non dubidan en cualificar de burbulla os últimos movementos no sector. O conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, utilizou este termo para referirse ao aluvión de saídas á bolsa “para extraer valor a corto prazo coas renovábeis”. Un directivo dunha empresa eólica galega que quere gardar o seu anonimato sinala a Nós Diario que “saír ao mercado é a forma máis fácil e barata que teñen as compañías deste sector para financiarse. Con todo, os procesos para executar os proxectos teñen un alto custo e levan tempo.
Ademais unha parte moi importante dos megavatios previstos non van chegar a desenvolverse”. O fenómeno acada un carácter global até o punto de que o economista australiano Steve Keen non dubida en vincular o denominado New Green Deal e a aposta polas enerxías verdes cunha operación especulativa, característica do "capitalismo financiarizado”. Neste sentido, explícanse as importantes cantidades de diñeiro destinadas dentro do programa Next Generation ao apoio das enerxías renovábeis.