A CIG exixe a convocatoria inmediata do Consello Galego de Pesca e unha resposta unitaria ante o veto á pesca de fondo

Critica que  nin a Xunta da Galiza nin o Estado español están a exercer o poder político que teñen para frear esta agresión
A frota do Cantábrico (na imaxe o porto de Burela) alerta do impacto dos aeroxeradores no mar (Foto: Antonio Herrera).
photo_camera A frota do Cantábrico (na imaxe o porto de Burela) (Foto: Antonio Herrera).

O sindicato CIG exixe a convocatoria inmediata do Consello Galego de Pesca para organizar "unha resposta unitaria de todo o sector do mar e de todo o tecido social do país (partidos políticos, organizacións sectoriais, sindicais, sociais etc.)" ante "o golpe mortal" que supón a prohibición da pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico Norte, decretada pola Unión Europea.

A CIG reclama "facer esta fronte común pero non só co obxectivo de demandar novos informes científicos ou iniciar preitos xurídicos que se prolongarán no tempo indefinidamente, senón para organizar unha acción social e política contundente para que dunha vez por todas tanto a Xunta de Galiza, como o Goberno español, como Bruxelas saiban que significa para Galiza o sector pesqueiro".

O responsábel de Mar da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, avanza que "ante a barbarie consumada polos burócratas de Bruxelas, novamente teremos que saír berrar a consigna que se repite dende hai anos en todas as mobilizacións en defensa do sector pesqueiro: nin a España nin a Europa lle importa a nosa flota".

Decisión política

Aboi critica que, "nunha decisión política sen precedentes", a UE decida eliminar "de golpe a pesca de fondo en 87 áreas de Portugal, Francia, Irlanda e o Estado español, a maiorías delas zonas nas que faena a flota galega, non só no Gran Sol senón tamén no noso litoral".

A central sindical tamén critica que nin a Xunta de Galiza nin o Estado español "están a exercer o poder político que teñen para frear esta agresión"

A central sindical tamén critica que nin a Xunta de Galiza nin o Estado español "están a exercer o poder político que teñen para frear esta agresión", eludindo as súas responsabilidades malia que esta medida xa se anunciou hai tempo. Ademais, engade Aboi, preténdese circunscribir esta decisión a unha cuestión científica "cando o que se debate é un tema político: se queren eliminar ou non a nosa flota".

A CIG rexeita que se pretenda agora, coa máxima urxencia, eliminar máis de 1000 barco e destruír milleiros de empregos con todo o impacto socioeconómico que isto supón para as zonas costeiras de Galiza. Neste senso, Aboi denuncia a hipocrisía do discurso ecolóxico utilizado pola UE para determinar este veto (aludindo á necesidade de recuperar o fondo mariño),"cando esta mesma Unión Europea acaba de recoñecer a enerxía nuclear como enerxía verde ou cando permite, ampara e promociona (ao igual que a Xunta e o Goberno español) macro parques eólicos nos nosos bancos pesqueiros ".

Comentarios