Batalla polo poder na Pescanova post-Sousa

Demitido De Sousa após décadas na presidencia, estase a producir unha guerra de guerrillas polo control da empresa, en concurso de acredores.

Fernández de Sousa

Fernández de Sousa deixou a presidencia de Pescanova o 17 de xullo, espoleado polos resultados da auditoría de KPMG que destapaban fraudes e irregularidades na empresa, actualmente en concurso de acredores.

Mais que Fernández de Sousa marche non implica que desapareza a presidencia da multinacional, se ben esta ficará baleira por un tempo. De feito, e no seo do consello de administración, estase a dar de xeito soterrado unha guerra de guerrillas para se situar en posición de poder.

Malia a difícil situación actual, en Pescanova hai moito en xogo. no presente e no futuro. Por iso as manobras e batallas. A mediados de setembro está marcada a realización da xunta de accionistas de Pescanova, un mes antes de os principais dirixentes da empresa nestes anos desfilaren na Audiencia Nacional para declarar como imputad@s.

Partida de xadrez

E mentres? Pois mentres a partida de xadrez segue a desenvolverse. Fernández de Sousa demitiu e, de inmediato, perfiláronse dúas vías. Unha delas, a representada polo grupo Damm, o segundo accionista da empresa con sede en Chapela. A outra, a encarnada por Alfonso Paz-Andrade, un histórico da compañía que se distanciou de Sousa nos últimos anos após décadas de traballo man con man.

Ningunha das dúas vías, até o de agora saiu triunfante. A da cervexeira Damm non reuniu apenas apoios no consello de administración. Segue a ser visto con receo en grande parte d@s conselleir@s de Pescanova. A de Paz Andrade tampouco dá progresado. 

Apoios que cambian

Alfonso Paz Andrade (até 2007 conselleiro delegado da pesqueira) tería posto sobre a mesa que só asumiría o cargo se chegaba a el co apoio unánime de todo o consello. Mais iso foi posíbel pola oposición de Luxempart (terceiro accionista de Pescanova) ou mesmo Iago Méndez, fillo do que fora director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez. Nun principio foi un leal a Sousa, mais iso é pasado e hoxe en día é visto como man dereita do grupo Damm.

Publicado en Sermos Galiza nº57