O aumento de prezos ameaza o agro, cun encarecemento de 40% dos pensos

Os sindicatos piden a "intervención" das Administracións públicas para frear esta situación.
Concentración de tractores en protesta por uns prezos xustos para o sector o pasado mes de marzo en Xinzo de Limia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración de tractores en protesta por uns prezos xustos para o sector o pasado mes de marzo en Xinzo de Limia. (Foto:Nós Diario)

A crise e a alza de prezos está a afectar de maneira moi directa os sectores do agro galego. A agricultura e a gandaría fornecen de produtos básicos unha cesta da compra diaria que se encarece cada vez máis sen ter repercusión nas explotacións agrarias.

A problemática non é nova e as organizacións sindicais veñen denunciando que o campo galego está a quedar sen labregas e labregos, unhas 70.000 menos este ano segundo indicaban nun manifesto unitario durante a mobilización que realizaron en Ourense o pasado mes de xullo.  

Intervención das Administracións

O sector primario padece especialmente as consecuencias da pronunciada suba de prezos de diferentes materias primas e bens como os carburantes, os concentrados alimentarios do gando, a factura eléctrica, os plásticos, os fertilizantes e outros produtos.

En declaracións a Nós Diario, o secretario xeral da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel Dacal, sinala que lles consta a preocupación que está a ter o sector do agro na Galiza en relación coa crise e o aumento dos prezos. Pon como exemplo a alza de custos que teñen as materias primas para a actividade agropecuaria. 

“Non é algo puntual, vén de lonxe. Lembremos que antes de 2020 e mesmo durante a pandemia da Covid-19 xa houbo manifestacións polo medre dos custos de produción”, asegura. “Agora está máis de actualidade coa escusa de fondo da guerra en Ucraína”, engade. Diante deste panorama actual, Dacal indica que se require con urxencia “a intervención das Administracións para controlar a situación, sobre todo con respecto ás empresas intermediarias que levan os beneficios á custa do produtor e tamén do consumidor”. 

Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), Xulio Fernández, confirma a Nós Diario as dificultades que están a ter as explotacións. “O penso subiu un 40% e o prezo dos fertilizantes chegou a triplicarse, mentres o gasóleo está ao dobre do prezo”, explica, “algunhas granxas negocian o gasto de luz na renovación de contratos e outras conseguen que non lles repercutan certos custos as empresas de servizos”, engade.

Se o sector do leite se mantén, sinala, “é polos prezos actuais e a forte demanda”, polo que alerta de que se a situación muda “moitas granxas fecharán”. 

Pola súa parte, o responsábel de agricultura e gandaría extensiva de Unións Agrarias (UUAA), Xosé Ramón González, asegura a Nós Diario que as subas dos custos de produción son “brutais” ao depender “moito dos carburantes e dos pensos”, mais tamén “das industrias dos derivados dos plásticos que tiveron subas de entre un 70% e un 100% este ano”.

Este sindicalista admite que “non son capaces de repercutir a suba no produto que vendemos”. Entre os sectores máis afectados está o da carne en gandarías extensivas, “onde hai peores prezos e un déficit máis amplo entre o custo de produción e o prezo de venda”. González cre que esta situación é consecuencia “do incumprimento da Lei de cadea alimentaria que protexe ao sector primario” e sen ter consecuencias “para as grandes industrias e os grupos de poder económicos”.

A Xunta suprime axudas da PAC a 8.255 labregas e labregos

A Consellaría de Medio Rural decidiu que no período 2023-2027 da Política Agraria Común (PAC) non vai pagar a axuda para Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) en todos os concellos da Galiza clasificados como "distintos aos de montaña" e que a viñan percibindo até o de agora. No ano 2020, esta axuda para zonas distintas de montaña concedeuse a 8.255 persoas solicitantes, por un importe de 8 millóns de euros.

Neste mesmo 2020, as axudas para as de montaña foron de case 9 millóns de euros, para 5.266 persoas. Para o SLG, a decisión é “sorprendente” ao tomarse “nun dos momentos máis críticos para os sectores agrario e gandeiro por mor da suba de custos de produción”. O sindicato bota en falta axudas “que xa procuraron outras Administracións e que na Xunta non só non sacan senón que quitan”.

Comentarios