A Xunta receita "tranquilidade" ante a incerteza polo proxecto de Altri e insiste: "Os requirimentos son máximos"

"A calquera empresa que se asente na Galiza dámoslle facilidades, pero sempre cumprindo a lei", afirma a conselleira Ángeles Vázquez.
A vicepresidenta e conselleira Ángeles Vázquez, hoxe, atendendo os medios de comunicación. (Foto: Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta e conselleira Ángeles Vázquez, hoxe, atendendo os medios de comunicación. (Foto: Europa Press)

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lanzou esta segunda feira unha mensaxe de "tranquilidade total e absoluta" coa instalación da fábrica que a empresa Altri proxecta en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. Un proxecto que está a recibir a oposición de numerosos colectivos veciñais e ecoloxistas polo seu potencial impacto e afeccións ao medio.

En declaracións aos medios nunha visita ao Biopolo da Sionlla, a responsábel de Medio Ambiente da Xunta da Galiza sinalou que a proposta de Altri, "polas súas dimensións e por todo o que ten que tratar", está sometido a diferentes requisitos como "a incidencia ambiental, a autorización ambiental integrada ou o IPPC", polo que asegurou que "ten que pasar todos os filtros habidos e por haber, tanto de emisións, sustentabilidade, como no caso de autorización de auga como vai reverter nos nosos ríos".

Neste sentido, insistiu en que a factoría recollerá auga do encoro de Portodemouros, pero "o 65% desa auga que consuman irá de novo ao encoro mesmo con mellores condicións que coa que a captan". Así, tras as críticas de diferentes asociacións ecoloxistas, Vázquez quixo mandar unha mensaxe de "tranquilidade".

"A calquera empresa que se asente na Galiza dámoslle facilidades, pero sempre cumprindo a lei. Se non fose así, non seriamos a segunda comunidade que máis reducimos as emisións de CO2 desde 1990", reivindicou. "Mensaxe de tranquilidade total e absoluta", volveu insistir, antes de lembrar que "os requirimentos son máximos".

Agora, engadiu, o proxecto atópase na etapa de exposición pública, na que a Augas da Galiza "chegaron todas as alegacións, que teñen que contestarse". O mesmo fará Medio Ambiente, segundo afirmou, en canto acabe o proceso.

"Facilidades todas, pero cumprimento da lei totalmente estrito. Somos máis estritos que calquera outra comunidade autónoma do resto de España", resolveu Ángeles Vázquez.

Comentarios