Amancio Ortega, fundador de Inditex, acaba de desembarcar no sector gasista, pero a elixida non é a galega Reganosa, senón a súa principal rival, Enagás. A operación, que supuxo un desembolso de 281,63 millóns de euros, canalizouse a través de Partler 2006, unha das filiais de Pontegadea, a patrimonial da familia Ortega.
Segundo informou a compañía presidida por Antonio Llardén, Amancio Ortega subscribiu na colocación privada máis da metade dos 500 millóns de euros de aumento de capital realizado pola gasista para financiar a compra da estadounidense Tallgrass.
Na operación, o fundador de Inditex adxudicouse 13,09 millóns de novas accións, representativas de 5% do capital da compañía. Iguala así a participación do até agora máximo accionista, a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que ten outro 5%.