Continúa o incremento do mercado turístico: Os alugueres non estacionais, en risco

A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) alerta dun "descenso notábel" da oferta para arrendar todo o ano nas cidades de Compostela, A Coruña e Vigo, ás que vén de sumarse Lugo. Ante esta dinámica, prevén un incremento da problemática para atopar vivenda e unha maior suba das rendas mensuais.  
Anuncios de alugueiros turísticos nunha localidade da Mariña o pasado verán. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #inmobiliaria #alugueiro #galiza #vivenda #vivendasturísticas #turismo #fegein
photo_camera Anuncios de alugueiros turísticos nunha localidade da Mariña o pasado verán. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A aposta das e dos propietarios no mercado do alugueiro de vacacións segue a incrementarse sen freo na Galiza, o que xa está a provocar certos problemas á hora de atopar vivenda non estacionaria. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) considera que esta dinámica irá a máis no futuro pois, malia que o arrendamento en xeral resulta máis rendíbel que a venta, dentro deses ingresos, son superiores aqueles que veñen de pisos que se ocupan puntualmente, por períodos curtos. Iso está a levar a que máis xente destine os seus bens inmobles a este tipo de inquilinas. Os resultados xa se detectaron hai tempo en Compostela coas universitarias e onde as dificultades para independizarse son cada vez maiores, ao igual que nas cidades da Coruña, Vigo e, nos últimos meses, Lugo. 

O último informe de Fegein sobre o circuíto de comercialización do alugueiro no país indica que, en empresas inmobiliarias, ofrécense arredor de 4.300 pisos e casas. A maioría, segundo as e os expertos do sector, están na Coruña (750) e Vigo (650), seguidas de Ourense (500) e moi por debaixo o resto de urbes galegas. A compensación para as persoas arrendatarias móvese entre o 3,9 e perto do 6%.

Son cifras importantes, pero na actualidade compensa máis reservar os inmobles para xente de paso, é dicir, rendas estacionarias no lugar daquelas de familias ou persoas que se estabelecen todo o ano ou máis tempo nun lugar. Así o sinala o sector, que en todo caso asume que ambas as modalidades "pulverizan calquera rendibilidade"

"A realidade é que a rendibilidade se atopa cada vez máis no mercado de vivendas turísticas e é aí onde se están derivado as do circuíto tradicional", comentan no estudo. En consecuencia, cada vez é máis complexo atopar un arrendo para residir todo o ano, deixando máis atomizada a bolsa de bens dispoñíbeis. 

Desde a federación remarcan que están a detectar "un descenso notábel da oferta" habitual "nas cidades de Santiago, A Coruña, Vigo e Lugo por esta orde, o que anticipa un contexto con máis problemas para a vivenda en alugueiro e tamén un encarecemento dos prezos". 

As arrendadoras de fogares nos que vivir deixan paso ás turistas. En consecuencia, estase a complicar a situación para as familias, sobre as que cada vez hai unha maior presión para contar con este ben de primeira necesidade. A este respecto, o informe sinala que "a porcentaxe de persoas cuxos ingresos non lles permite ter financiamento ou aforros suficientes para mercar é cada vez maior, co cal crecerá máis" o arrendamento. En paralelo, a porcentaxe de salarios reservada para as taxas mensuais será cada vez maior. 

O 60% das operacións, en dúas áreas

Curiosamente, a pesar deste aumento do alugamento, a patronal tamén ve certa recuperación dos acordos de compravenda "nas grandes áreas metropolitanas das sete grandes cidades". 

"Vigo e A Coruña monopolizan o 60% das operacións", din. Na Mariña, na comarcas de Pontevedra e en Compostela a situación está normalizada mentres que en Ferrol e o resto da comarca o que predomina é o estancamento.

O sector ve posíbeis os desafiuzamentos de arrendatarias na Galiza

Con este cambio de tendencia, cada vez máis acusado en toda a Galiza -especialmente nas grandes cidades, e nas áreas costeiras no verán-, non só augura unha suba dos prezos do arrendamento e unha maior dificultade para atopar casa, senón que a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias non descarta que os desafiuzamentos aparezan con máis asiduidade neste mercado. As e os empresarios demandan un marco estábel para as propietarias, pero tamén para as arrendatarias, toda vez que "a diferenza do que sucedeu na crise de 2008, agora a maior parte dos despexos vanse producir á hora de arrendar". "Para solucionalo non valen as moratorias das rendas nin tampouco os créditos ICO porque as familias con rendas baixas non van poder asumir o pagamento", sinalan.

Comentarios