Es ti unha das novas propietarias de vivenda na Galiza?

A compra inmobiliaria volve ser obxectivo das galegas e galegos malia que a crise sanitaria non rematou, pois durante o mes de maio as operacións chegaron a dispararse por enriba do 128%. Así o destaca un informe do Consello Xeral do Notariado.

Unhas persoas pasan xunto a unha promoción de vivendas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unhas persoas pasan xunto a unha promoción de vivendas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A poboación galega, e quizais tamén de fóra do país con interese por mudarse ou pasar tempo aquí, vén de dar un impulso a compra e venda de vivendas como revelan os datos que manexa o colectivo de notarias.

Quizais es ti unha das persoas que apostou de novo no investimento inmobiliario debido, por exemplo, a pequena rebaixa detectada nalgúns bens que están en mans da Sociedade de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) -e que se distribúen agora a través de catro grandes axencias- aos que se intenta dar saída con ansia. Tamén algunhas promotoras e particulares están a facer publicidade de bolsas de bens novos ou de segunda man.

Tamén hai xente que continúa a mercar casa no campo como reacción á pandemia que deixou a sociedade pechada nos pisos durante meses.

O certo é que sexa cal sexa a motivación da cidadanía para comprar, o interese está presente e chega a materializarse en acordos. Un informe do Consello Xeral do Notariado destaca que na Galiza os expedientes creceron por enriba do 128% en maio.

O movemento, segundo as e os expertos, é algo maior neste territorio do Estado posto que a media de todas as zonas fala dun ascenso do 124,5%.

O custe xeral por metro cadrado das casas que se venderon baixou un 3,6% interanual, até os 1.429 euros por metro cadrado.

Curiosamente, a pesar da explicación da pandemia, disparouse tanto a venda de pisos como de fogares unifamiliares. En consecuencia, fontes do Consello Xeral do Notariado, tamén confirman que se concederon máis préstamos hipotecarios que no período de referencia.

Comentarios