Os pisos para estudantes manteñen o tirón pese ás incertezas pola Covid-19

Atopar piso para estudantes en Compostela comeza a ser misión imposíbel, e todo pese ás incertezas sobre o inicio de curso e a tipoloxía das clases no ensino universitario. Este ano, adiantáronse as procuras, mais a oferta é algo máis reducida xa que moitas propietarias quitaron os seus pisos deste mercado.
Inmobiliaria en Compostela (Arxina).
photo_camera Inmobiliaria en Compostela (Arxina).

O da educación é un dos sectores que máis dúbidas ten por despexar do seu futuro. As distintas Administracións debaten na actualidade as datas do inicio de curso e o sistema que se vai empregar para garantir a seguridade nas aulas. No ensino universitario vanse tentar manter as clases presenciais, mais non se desbota a posibilidade de que algunhas materias se impartan de modo telemático.

Todas esas incertezas poderían dar lugar a que moitas das persoas que vaian cursar os seus estudos universitarios o próximo ano fóra da súa localidade visen con certo temor a posibilidade de alugar piso e asumir uns gastos para despois recibir a súa formación desde a casa.

Pero a realidade é ben distinta. En localidades como Compostela os pisos dispoñíbeis escasean. Como explica a Nós Diario Mercedes Fernández, da inmobiliaria Corbi, "este verán non houbo tardanza e alugouse con moito desexo". Rebate así as afirmacións de entidades como a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que fala dunha demora neste tipo de alugueiros.

"A nosa experiencia non é esa en absoluto", asegura a responsábel da inmobiliaria compostelá, quen apunta que descoñece como se está a comportar este mercado noutras localidades. "Aquí a maioría dos pisos liberáronse en canto se levantou o confinamento, a finais de maio. En xuño, mesmo para a nosa sorpresa, empezaron xa a alugar para este curso. Non agardaron moito máis, e en xullo, que é cando comeza normalmente a campaña, xa estaba practicamente todo alugado", apunta.

A nivel de Galiza, desde a patronal de empresas inmobiliarias detectan outra realidade. Como explica a este medio o seu presidente, Benito Iglesias, a demanda está moito máis concentrada. O mercado adoita moverse nas primeiras semanas de xullo, cando xa se coñecen as notas de corte das diferentes titulacións ─que saen publicadas en xuño─. Mais, como recoñece Iglesias, "a día de hoxe as cousas non están moi claras e por iso as estudantes agardaron ás últimas semanas de agosto para empezar a alugar".

Como destaca o directivo, "fano con máis precaución" e negociando ben as cláusulas. A Lei de arrendamentos urbanos non contempla situacións como as do confinamento decretado entre os meses de marzo e maio deste ano, o que non impide que tanto as persoas propietarias como as que van habitar a vivenda inclúan cláusulas relativas a esta cuestión nos novos contratos. "Hai de todo, propietarios que non poñen pegas e outros que, ante o risco de quedar sen o piso unha vez finalizado o curso por un eventual confinamento prefiren optar por outras solucións.

Mercado tradicional

Neste senso, Benito Iglesias sinala que algúns dos pisos que até o de agora estaban destinados a alugueiros temporais durante o curso académico preferiron mudar cara a contratos tradicionais de un ano de duración. Esta realidade tamén a constatan na inmobiliaria Corbi de Compostela, sobre todo nos pisos novos que van entrando, aínda que "nunha porcentaxe moi pequena".

Respecto das cláusulas específicas nos contratos, Mercedes Fernández asegura que no caso de Compostela "non se están a dar". "As persoas titulares xa deixan claro que non se van acordar reducións de renda pase o que pase". Ademais, no caso das estudantes, un novo confinamento "en ningún caso lles impide quedar na casa eses días", argumenta.

Moitas persoas xa tiveron a experiencia do anterior confinamento. "Foi un mes de marzo e un final de curso moi complexo porque houbo que facer equilibrios entre os estudantes e as persoas propietarias dos pisos, con todo tipo de situacións", recoñece Fernández.

Subas de prezos

A oferta actual está a condicionar os prezos que, segundo Fegein, mantéñense "estábeis", pese a que recoñecen que a oferta é menor polo cambio de parecer dalgunhas das persoas propietarias respecto ao perfil de inquilinos.

En Compostela, como indica Mercedes Fernández, "os pisos que quedan son pequenos, de un e dous dormitorios", o que fai que os últimos que entraron "subiran o prezo porque había moita máis demanda que oferta", un feito que revela o "importante problema de vivenda" que ten a capital galega.

Con boa parte dos pisos xa colocados, agora empeza a moverse outro mercado, o dos estudantes que buscan compañeiros de piso para compartir gastos. Estes días abundan os anuncios nas redes socias e todo parece indicar que en breve se vai colgar de novo o cartel de completo.

Comentarios