Unha de cada tres vivendas en alugueiro na Galiza emprégase para uso turístico

A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) pide "máis seguridade xurídica" para potenciar os alugueiros tradicionais. Temen unha crise en maio pola fin do estado de alarma.
Inmobiliaria con anuncios de alugueiro en Compostela (Riobó Prada)
photo_camera Inmobiliaria con anuncios de alugueiro en Compostela (Foto: Riobó Prada)

A pandemia da Covid-19 e as restricións de movemento que reduciron a mínimos a chegada de visitantes á Galiza semella que non repercutiu nas expectativas das persoas propietarias de inmóbeis, que decidiron aproveitalas como vivendas vacacionais. 

Na actualidade hai 12.300 residencias en todo o territorio con uso turístico e 4.650 para uso tradicional. Son datos que facilita a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) a través dun informe publicado este mes sobre o peso inmobiliario na Galiza.

A oferta reduciuse nos municipios medianos e pequenos e medrou lixeiramente nos grandes, tendo as comarcas de Pontevedra o maior índice de alugueiros turísticos, cun total de 5.739, un 48%. Séguenlles as da Coruña, que rexistra 4.559, un 36%. Con menos están as de Lugo, con 1.572, un 13%, e por último as de Ourense, que son 433, un 3,6%. 

Redución da oferta tradicional de alugueiro

A previsión coa que conta a Fegein é que a situación empeore a partir do mes de maio, cando se poñan en carteira as vivendas vacacionais en cidades como A Coruña, Vigo ou Compostela. Segundo esta entidade do sector, a demanda do arrendamento seguirá subindo nos vindeiros anos como consecuencia "de factores como os novos hábitos de consumo das xeracións novas, que están afeitas ao pago por uso dos bens e servizos máis que á compra, e á necesidade de impulsar a mobilidade xeográfica por motivos laborais", ademais da "incapacidade de moitas familias de aforrar o suficiente como para pagar un 20% do prezo dunha vivenda que xeralmente non financian os bancos". 

Benito Iglesias, presidente de Fegein, apunta que "un 80% das e dos propietarios de vivenda vacacional teñen unha soa, co que só un 20% terían dúas ou máis vivendas no circuíto de comercialización en alugueiro". Por este motivo, reclama que a nova Lei de vivenda contemple iniciativas fiscais nese caso, como, "unha dedución do 100% no IRPF e no IBI a aqueles que aluguen as súas vivendas a un prezo por baixo de mercado".

Ademais, está en contra da regulación do prezo de alugueiro afirmando que "agora mesmo está a autorregularse só". En relación á vivenda tradicional, asegura que as e os pequenos propietarios son en realidade un 92% do total "fronte ao 8% que estarían en mans da Sareb ou en fondos". 

A importancia da seguridade xurídica 

As inmobiliarias aseguran que segue a desconfianza entre as e os propietarios de vivendas á hora de querer alugar. "A chave está en dar seguridade e certeza xurídica ao mercado, aumentar a oferta de vivendas, buscar fórmulas de colaboración entre o sector público e o privado, cambiar todas aquelas normativas que quedaron obsoletas para poder adaptalas á situación actual", formulan desde a Fegein. 

A pé de rúa, fontes dunha inmobiliaria de Compostela confirman que as persoas propietarias "descartan o alugueiro tradicional polo medo de ter problemas de cobro cos inquilinos" e malia a baixada de turistas "seguen a preferir a rendibilidade de contar cuns ingresos en dúas fins de semana iguais aos todo un mes".

As inmobiliarias temen a crise nos alugueiros en maio

O remate do estado de alarma e o inicio da tempada turística podería ser a tormenta perfecta para o sector. "A diferenza da crise de 2008, agora os desafiuzamentos virán no mercado do alugueiro", din na Fegein, "e non valen as moratorias das rendas nin tampouco os créditos ICO, porque as familias con rendas baixas non van poder asumir o pago do alugueiro nos próximos meses e quizais nos próximos anos". 

Comentarios