Dúas empresas interénsase por Alu Ibérica e o comité pide garantías

O Estado solicita ao administrador concursal que prime as ofertas que garantan o máximo número de empregos.
Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica o pasado mes de maio ante os xulgados da Coruña o día da vista do xuízo de Alcoa (Foto: M.Dylan / Europa Press).
photo_camera Traballadores e traballadoras de Alu Ibérica, en maio de 2021, ante os xulgados da Coruña, o día da vista do xuízo de Alcoa (Foto: M. Dylan/Europa Press).

Dúas empresas veñen de mostrar interese pola planta de Alu Ibérica na Coruña, segundo confirmaron desde o Ministerio de Industria e desde o comité tras a reunión celebrada na terza feira con presenza estatal e galega e tamén do administrador concursal, alén dos sindicatos, entre outros axentes.

Nun comunicado, o Goberno estatal reitera o seu "compromiso" na procura de solucións para manter a planta e confirma que se produciron contactos con dúas empresas que mostraron interese pola planta. Tamén explica que solicitou ao administrador concursal "primar as ofertas que maximicen a salvagarda dos postos de traballo".

O Ministerio de Industria afirma que buscará unha empresa de recolocación para o persoal que poida ficar fóra dos posíbeis contratos que faga o futuro investidor e reitera a súa disposición para "colaborar e apoiar cos elementos financeiros dispoñíbeis os investimentos produtivos que se poidan expor para o mantemento das capacidades industriais e o emprego".

Tamén pide a "colaboración" da Xunta para que o proceso de mantemento das capacidades produtivas da planta da Coruña "chegue a boa fin".

Prazo até o 10 de maio

Desde o comité, o seu presidente, Juan Carlos López Corbacho, explica que por parte do administardor concursal trasladouse a súa vontade de manter a planta "o tempo que puidese", pero que se non había unha solución tería que "liquidar" a planta, fixando como prazo máximo o 10 de maio.

Por parte da representación sindical requiríronse a Industria "solucións" para activar a planta "cando antes". Tamén pediron que se avale calquera saída "onde se manteña o persoal e o maior número posíbel".

"O Ministerio ten que apoiar proxectos de futuro, achegando investimento", dixeron reclamando o mesmo á Xunta para que estes cheguen a bo termo. Os contactos entre administracións, administrador concursal e sindicatos proseguirán, segundo avanza o comité, a vindeira semana.

Comentarios