Análise

Almacenamento para a transición enerxética

Quico da Silva é membro do Colectivo de Debate Enerxético Bidán.
No camiño da transición enerxética vai ser precisa moita máis xeración eléctrica con fontes renovábeis. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No camiño da transición enerxética vai ser precisa moita máis xeración eléctrica con fontes renovábeis. (Foto: Nós Diario)

Unha das principais obrigas que se lle require a un sistema eléctrico moderno é a súa flexibilidade: que sexa capaz de producir a enerxía eléctrica necesaria que se lle demanda en cada instante, facendo "casar" ou coincidir a xeración e o consumo en todo momento, e coa calidade que as normas vixentes impoñen.

Na actualidade isto conséguese porque hai centrais xeradoras manexables de respaldo, nomeadamente as de ciclo combinado de gas, as de coxeración non renovable, e as centrais hidroeléctricas, que actúan como reguladoras, proporcionando a enerxía eléctrica suficiente para manter o sistema en equilibrio; de non dispor delas, cando as tecnoloxías renovables eólica e fotovoltaica non foran quen de cubrir a demanda pola falta de suficiente vento e sol, o sistema volveríase inestable e colapsaría.

Entón, nun proceso de electrificación da economía e descarbonización do sistema eléctrico, no que se contempla a diminución progresiva para a aportación da coxeración non renovable e, dende 2030, dos ciclos de gas, que se debe facer para evitar tal colapso? 

Potencia renovable

Aplicar medidas de eficiencia que axusten a demanda ao consumo realmente necesario xunto cunha optimización da xestión da propia demanda son prioridades, mais tamén é precisa a incorporación ao sistema eléctrico de nova potencia renovable, sobre todo uniforme e pouco estacional; aínda así, a súa intermitencia provocará períodos de desequilibrio xeración-demanda que obrigarán a evitar os vertidos ou perdas dos excesos e trasladalos para cubrir os déficits: almacenar a enerxía necesaria que o sistema demande e durante o tempo que sexa necesario (dende segundos a meses), ata que poida ser cuberta en tempo real polas fontes de enerxía renovable.

Na actualidade disponse de distintos sistemas e tecnoloxías de almacenamento de enerxía, con potencias nominais de kW, MW ou GW, tempos de operación a plena carga de segundos a meses, tempos de resposta de milisegundos a minutos, capacidades dende uns kWh ata os 100G Wh, con eficiencias dende o 20% ata o 100%, en diferentes graos de madurez e, por tanto, dispoñibilidade.

No caso de Galiza, e dende unha visión estática e illada, o seu "mix" de almacenamento enerxético ten que dar resposta ás características de produción e consumo de electricidade, e non reducilo só a un tipo de almacenamento, mais con preferencia do estacional (bombeo, termoeléctrico, hidróxeno, amoníaco, metanol, combustibles e gas natural sintéticos...) que posibilite trasladar os excedentes eólicos e hidráulicos dos meses do inverno ao resto do ano. Segundo a Axenda Enerxética Galega 2030 –breviario abstracto cando debería ser o análogo ao Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (Pniec)–, en 2020 Galiza tiña instalados 381 MW e 9.000 MWh diarios de almacenamento enerxético de bombeo; para 2030 estima un total de 1.876 MW de bombeo que permitirán almacenar 45.000 MWh diarios, dabondo para cubrir o consumo medio diario de electricidade de Galiza. Pero nada sobre onde se construirán, como se financiarán, quen construirá estas infraestruturas ou cando empezará a súa construción (necesitan uns 10 anos para todo o proceso); semella máis unha mera declaración de intencións que un obxectivo realizable.

O 'Hub' do hidróxeno verde non concreta as necesidades en Galiza

E alarmante e preocupante é a previsión para o "Hub" do hidróxeno verde, que cuantifica en 0,5-1 GW de potencia de electrolizadores (o Pniec pasa de 4 a 11 GW na súa revisión) "en función das posibilidades de acceso á rede de transporte", da que recoñece só deficiencias en Stellantis e limitacións en nós de evacuación para o desenvolvemento eólico (nada sobre a eliminación da capacidade nos de Transición Xusta de Meirama e As Pontes), mais que non analiza para concretar as necesidades en Galiza. Iso si, será unha rede "intelixente".

Dende unha visión de país, resulta imprescindible que o Goberno galego, dentro das súas competencias, regule en tempo e forma este tipo de infraestruturas, e os partidos políticos promovan, a nivel estatal, os cambios regulamentarios necesarios para poder realizar en Galiza un sistema de almacenamento enerxético acorde cos seus intereses e necesidades –incluída a I+D+i que se nos está a negar mentres se financia noutras zonas con menor recurso renovable–, e para evitar que nun futuro inmediato nos encontremos con actuacións e feitos irreversibles.

Comentarios