A prensa internacional teno claro: É un rescate

Os medios de Europa e América empregan a palabra omitida polo presidente español, rescate, analizan os “erros de comunicación” do mandatario e sorpréndese porque Rajoy anuncie o rescate como unha vitoria
Portada de Die Welt de 2010

'Spain is diferent' ata cando é rescatada. A prensa internacional analiza polo miúdo o sucedido esta fin de semana e, con especial interese, a comparecencia de Rajoy, e mostra a súa sorpresa polo feito de que o presidente español “anuncie o rescate como unha vitoria” (The Guardian), alén de criticar a actuación de Mariano Rajoy, que chega a ser cualificada de “egoísta e superficial” (Die Welt).

Entre os máis críticos están os medios escritos alemáns, mesmo os de tendencia conservadora, como Die Welt, que analiza de xeito moi crítico a xestión que Mariano Rajoy fixo o rescate. O Frankfurter Allegemeine pregúntase en canto vai sair finalmente o rescate; e o Suddeutsche Zeitung chega a preguntarse se “sabe o goberno español o que fai”.

Para Die Welt, Rajoy amosou ser “egoísta e superficial” e o Suddeutsche Zeitung pregúntase se o goberno español “sabe o que fai”

Portugal e Brasil

En Portugal, o rescate de España é analizado baixo o prisma das consecuencias para o país luso. Tanto Diario de Notícias como Público recollen a petición da oposición socialista de que Portugal renegocie os termos e condicións do seu rescate. Público incide en que Rajoy presentase a xestión destes 5 meses de goberno como a salvación de España dunha intervención.

Na outra beira do Atlántico, os medios brasileiros, que ao igual que os europeos empregan a palabra rescate, pregúntanse cal é a cantidade final que se destinará a salvar a banca española (Folha de Sao Paulo) e mesmo apuntan a “mesmo con 100 mil millóns de euros, España non escaparía da recesión” (O Globo)

Os anglosaxóns, con interrogantes

En Gran Bretaña e Estados Unidos tamén o rescate español ocupa o seu espazo, mesmo en portadas de medios como Finantial Times. Este, xunto con The Guardian, coinciden en sinalar que Mariano Rajoy na súa comparecencia anunciou “o rescate como unha vitoria”, o que non deixa de sorprender nun país tan flemático como o británico. A viaxe do presidente español a Polonia para ver un partido da selección tamén foi albo de críticas e comentarios.

O estadounidense International Herald Tribune aborda os erros de comunicación de Rajoy, o que tamén fai o Wall Street Journal, e sinala que o “rescate bancario español” non pon fin á crise.

Fotografía: Portada de Die Welt dun exemplar de 2010

Comentarios