A UE remata sen acordo a cimeira sobre os orzamentos

Co fracaso da cimeira extraordinaria, a UE adía a aprobación dos orzamentos até 2013. Mentres, Grecia alerta da quebra da súa economía e Chipre avanza cara o rescate. 

Xuntanza anterior do Eurogrupo e FMI
photo_camera Xuntanza anterior do Eurogrupo e FMI

Sen acordo para os orzamentos de 2014-2020. Así rematou a cimeira extraordinaria desenvolvida en Bruxelas entre os 27 Estados membros da UE. As diferenzas entre a Comisión e o Consello europeo –incapaces de se poñeren de acordo na contía que se reducirá para o vindeiro exercicio económico-- trasladouse tamén @s representantes presidencias. Porén, e malia adiaren a decisión até os primeiros meses de 2013 todo apunta a que os recortes nos fondos europeos oscilarán entre os 80.000 millóns propostos polo presidente do Consello, Herman Van Rompuy e os 100.000 millóns da chanceler alemá, Angela Merkel. Neste senso, a teima dos Estados máis fortes da UE por impor maiores restricións económicas, enfrontouse coa oposición da periferia europea que ve perigar os fondos de cohesión e os orzamentos para a PAC, cuestión de especial importancia para Galiza que podería ficar sen axudas a partir do vindeiro ano. Polo de agora, a UE só expresou certa vontade para que as 'rexións en transición' –nomenclatura coa que se definen aquelas que non alcanzan o 90% da renda media europea mais que se sitúan por enriba do 75% da mesma-- como a nosa, percibirían un 60% das axudas que viñan recibindo até o de agora. No entanto, haberá que agardar ao acordo final para coñecer cal será a redución real dos fondos.

Grecia pode quebrar e empurra a Chipre cara o rescate
O presidente grego, Antoni Samarás, aseguraba ao longo das últimas semanas que a economía grega precisaba de urxencia un outro tramo de rescate perante o risco de quebra. A realidade financeira do país heleno, afecta xa de maneira notábel á economía do seu veciño, Chipre, que vén de aceptar o pacote de medidas do FMI como primeiro paso para ser rescatado. O executivo chipriota, iniciou xa as negociacións coa Troika (BCE, FMI e Comisión) para que se aprobe a concensión dun crédito de 17.500 millóns de euros, porén as institucións económicas internacionais aseguran precisar “máis avanzos” cara a aprobación do programa de rescate. De se formalizar finalmente, Chipre sería o cuarto país rescatado da eurozona após Grecia, Irlanda e Portugal.

Pola súa banda, Grecia sigue á espera de que a Troika aprobe un outro tramo de rescate para a súa economía sob ameaza de quebra. O primeiro ministro grego afirmaba unhas semanas atrás que a partir de novembro non poderían facer fronte aos pagamentos, malia os miles de millóns que xa lle foron outorgados. Segundo o presidente do eurogrupo, Jean-Claude Juncker, “uns problemas técnicos” son os que están a adiar a aprobación da axuda económica ao país heleno, porén, Christine Lagarde, xerenta do FMI, aseguraba que “aínda queda traballo” para chegar a un acordo. As negociacións non se retomarán até a segunda feira (26 de novembro). 

Comentarios