A CIG proporá folga xeral para finais de setembro


A Executiva Confederal, acordou esta segunda, propor a CC.OO e UGT a convocatoria de folga xeral  para os días 26 ou 27 de setembro.

Nunha xuntanza encamiñada a analizar as consecuencias dos recortes promovidos polo Partido Popular e valorar as mobilizacións da pasada sexta, a executiva da CIG aprobou trasladar ás delegacións das centrais sindicais españolas na Galiza, a convocatoria conxunta dunha folga xeral que tería lugar na segunda metade do mes de setembro. Neste senso, a executiva confederal reunirase a vindeira quinta no local nacional da CIG cos secretarios xerais de CC.OO e UGT na Galiza e cadanseus secretarios de organización a nivel estatal.

Segundo o sindicato nacionalista “o anuncio debería facerse de forma inminente para comezar a traballar xa cun horizonte concreto”. Para o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, as medidas de recorte impostas dende Madrid “son durísimas e, polo tanto, cómpre responder coa mesma intensidade”. Así mesmo, a CIG considera fundamental artellar unha xuntanza estatal para coordinar a mobilización xeral co sindicalismo vasco, que veu de anunciar unha convocatoria en Euskal Herria para o 26 de setembro. @s nacionalistas cren que a convocatoria debe conseguir a “maior participación posíbel na procura do apoio de todas as organizacións sociais e sindicais que quixesen sumarse á mesma”.

A Executiva Confederal da CIG valorou como “altamente positiva” a masiva resposta cidadá nas manifestacións convocadas a pasada quinta nas principais vilas e cidades do país. Segundo Seixo, “foi das máis altas do estado” e describiu á perfección a sensibilización e preocupación social respecto das medidas regresivas promovidas polo goberno de Rajoy. A CIG considera fundamental manter o calendario de mobilizacións nos vindeiros meses “quer no ámbito da administración pública, quer con carácter xeral”, calendario que tamén proporán a CC.OO e UGT o vindeiro xoves.

 

Comentarios