A auditora de Pescanova cualifica de “trama organizada” os 'chanchullos' da dirección

Soldos desproporcionados, contas inchadas, rede de filiais para ocultar a débeda... O avance da auditoría podería mesmo derivar en responsabilidades penais na xestión da multinacional. Por outra banda, a Audiencia Nacional imputou ao fillo e ao irmán do presidente pesqueira por falsearen contas

Pescanova

Pescanova seguirá dando que falar mais non por cuestións de produción ou mercados. O informe preliminar da auditoría forense de Pescanova realizada pola consultora de KPMG é “demoledor”. Así o cualifica Economía Digital, que avanzou o contido dese informe.

Así, indícase que fontes coñecedoras do documento afirman que o contido da auditoría podería derivar na saída inmediata de directivos da compañíaco propio presidente Manuel Fernández de Sousa.

Sarillo

A auditora emprega no seu informe o término de "trama organizada" ao referirse aos supostos 'chanchullos' que desenvolveron directivos para ocultar débeda. Mesmo se poderían derivar responsabilidades penais na xestión da compañía.

Entre os puntos máis escuros, e sempre en base a esta versión: a cúpula dirixente artellou unha arañeira de filiais durante anos co obxectivo de ocultar débeda. Aliás, Pescanova tamén “incharía" durante anos a súa facturación “para dimensionar o balance e obter liquidez pedindo máis créditos”, sinalan en ED.  Os auditores de KMPG tamén detectarían, segundo os mesmos interlocutores, facturas falsas co mesmo obxectivo.

Por outra banda, o xuíz Pablo Ruz da Audiencia Nacional imputou a sete directivos de Pescanova e as súas sociedades por falsear contas.

 

Comentarios