Con 30 adegas, o Festival do Viño da Ribeira Sacra bate récord de stands

Comeza o Festival do Viño da Ribeira Sacra. Dúas "viño-rutas" visitarán Sober e O Saviñao.
As casetas en Monforte agardando pola apertura do Festival do Viño da Ribeira sacra (Foto: @monfortino3).
photo_camera As casetas en Monforte agardando pola apertura do Festival do Viño da Ribeira sacra (Foto: @monfortino3).

Monforte de Lemos inaugurou esta sexta feira o seu Festival do Viño de Ribeira Sacra, un evento que chega á súa quinta edición confirmando o interese por esta Denominación de Orixe entre público e adegas.

Estas últimas marcaron récord con 30 empresas participantes, o número máis alto de participación desde a súa creación. A xornada de onte comezou co discurso do alcalde da localidade,  José Tomé, e co pregón a cargo do técnico agrícola e biólogo José Mouriño Cuba, unha persoa fundamental nos inicios da Denominación de Orixe, para rematar cun concerto a  cargo de Sés. 

As adegas da Ribeira Sacra ofrecerán, como é habitual, a posibilidade de degustar os seus viños e darán a coñecer as súas novidades.

Ademais, o sábado haberá obradoiros de cata (11.30 horas) e un taller de análise sensorial con viños elaborados a partir de variedades ancestrais recuperadas (13.30 horas) que irá acompañado dunha clase maxistral. 

No apartado lúdico, ademais dun espazo pensado para as crianzas no que actuará Anxo Moure, serán importantes os concertos musicais coas actuacións o sábado de Diboa (21 horas) e Xisco Feijoo (23 horas) para rematar mañá con Fillas de Cassandra (21 horas).

"Viño-rutas"

Unha das actividades máis agardadas son as “viño-rutas” coas que se poderán coñecer os lugares de nacemento da uva. A primeira "viño-ruta" sairá este sábado ás 15.15 horas de Monforte de Lemos cara ao concello de Sober para visitar as adegas Rectoral de Amandi e Petrón.

O domingo sairá de Monforte ás 10.15 horas e viaxará ao concello do Saviñao para visitar as adegas Abadía da Cova e Adegas Moure, visitando a praia da Cova e realizando un percorrido en canoa polo río Miño que rematará na adega  Pilares de Belesar. 

Comentarios