290.970 parad@s e só 912.184 afiliad@s á Seguridade Social

12.003 parad@s máis no noso país e 15.199 afiliad@s menos á Seguridade Social. Eses son os demoledores dados que deitan as cifras oficiais do INEM correspondentes ao mes de xaneiro. En termos inter-mensais, o paro rexistado medrou muito máis en Galiza (o 4,3 por cento) do que no Estado (o 2,72 por cento). No conxunto das comunidades autónomas, Galiza foi a segunda comunidade autónoma máis destrutora de traballo (só superada por Nafarroa).

Récord histórico de paro rexistado en Galiza. 290.790 persoas. Un incremento brutal de 12.003 a respecto de Decembro. A taxa de aumento inter-mensal é do 4,31 por cento, a segunda máis alta de todo o Estado, só superada por Nafarroa (7,03 por cento).

No Estado entre Decembro e Xaneiro o aumento do paro situose claramente por debaixo de Galiza (o 2,72 por cento).

En troca, Galiza sae airosa na comparativa inter-anual. O paro incrementouse no Estado en 12 meses un 8,28 por cento, percentaxe que en Galiza ficou no 7,19.

Con toda seguranza, Galiza superará os 300.000 desempregad@s en 2013, até o proprio goberno da Xunta o recoñece nas súas previsións orzamentais.

No que atinxe ao número de afiliad@s á Seguridade Social, continúa a queda en picado. En xaneiro deixaron de cotizar un total de 15.199 persoas, co cal a cifra de galeg@s afiliad@s fica en 912.184. A queda inter-mensal foi lixeiramente superior en Galiza (-1,64 por cento) do que no Estado (-1,60 por cento). Como acontece no paro rexistado, en termos inter-anuais a perda de afiliad@s foi maior no Estado (-4,59 por cento) do que en Galiza (-3,85 por cento).

Comentarios